Skip to main content
Lugo

O Gustavo Freire acollerá cinco compañías de teatro universitarias durante o mes de abril

Por 12 Abril, 2022Abril 13th, 2022Sin comentarios

A vixésima oitava edición do Festival de Teatro Universitario, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, reúne no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo cinco compañías universitarias do 18 ao 30 de abril no marco dun ciclo no que o público presente poderá participar en coloquios cos actores e actrices ao remate de cada función.

A compañía de teatro USC-Lugo, que dirixe Aarón Navia, abrirá este luns 18, ás 17.00 horas, no ‘Gustavo Freire’ a quenda de representacións do festival de teatro cun ensaio aberto da obra ‘Contos para seren contados’. As persoas interesadas en tomar parte como público nesta sesión deben formalizar a súa inscrición de balde a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es.

A formación teatral sénior ‘Vaites teatro’, dirixida por Marga Portomeñe e que conta como actores con alumnado do IV Ciclo da USC, ofrecerá tamén o 18 de abril, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, unha lectura dramatizada nunha sesión aberta ao público que se desenvolverá baixo o título ‘Pintando Cousas’

A formación Teatro El Mayal, da Universidade de León, presentará o martes 19, a partir das 20.30 horas, a obra ‘Petricor’ no auditorio Gustavo Freire, o mesmo escenario onde ao día seguinte, á mesma hora, o grupo Maricastaña, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, representará a obra ‘O parke do crepúskulo’.

O XXVIII Festival de Teatro Universitario de Lugo retomará as funcións o 29 de abril coa estrea do obra ‘Contos para seren contados’, a cargo da compañía de teatro USC-Lugo. A compañía de teatro USC-Compostela, que dirixe Roberto Salgueiro, botará o venres 30 de abril o pano, a partir das 20.30 horas, ás representacións do certame lugués coa presentación de ‘A casa da forza (2, 52-88)’, unha obra de Angélica Liddell coa que a formación universitaria compostelá vén de acadar diversos recoñecementos no Festival Internacional de Teatro Mozo (Festum) de Murcia.