Skip to main content
Lugo

Os Premios Rafael Crecente da USC repartirán 3.000 euros en premios

Por 19 Abril, 2022Abril 20th, 2022Sin comentarios

A quinta edición dos Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, uns galardóns promovidos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) xunto co Laboratorio do Territorio (LaboraTE) do Campus Terra da USC para impulsar entre os titulados universitarios a formulación e aplicación práctica de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente ou a mellora da xestión territorial en sentido amplo en Galicia, pecha este mércores 20 de abril o prazo de presentación de candidaturas.

Os V Premios Rafael Crecente, a través dos que o Ibader da USC rende homenaxe e mantén viva a memoria e o legado do que fora profesor e investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, están abertos á participación de todas aquelas persoas que remataron estudos de grao ou mestrado nos últimos cinco anos, segundo se recollen nas bases do certame.

As candidaturas presentadas nesta convocatoria será avaliadas por un tribunal integrado por membros do comité científico do Ibader, que será o encargado de determinar que iniciativas innovadoras en xestión territorial son merecedoras de resultar galardoadas nunha convocatoria que reparte un premio 3.000 euros en metálico. A proposta mellor considerada polo comité recibirá como agasallo 2.000 euros, ademais de diploma acreditativo, mentres que o segundo traballo máis valorado obterá como obsequio unha gratificación de 1.000 euros e diploma acreditativo.

Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas aos V Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras en Xestión Territorial e logo de avaliar as propostas recibidas, o comité organizador fará publico o lugar e data de entrega de premios.