Skip to main content
Lugo

Os artistas locais serán os protagonistas do acto solidario con Ucraína deste domingo

Por 19 Abril, 2022Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Benestar, Olga López, mantiveron unha reunión co presidente de Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, co fin de coordinar e definir os derradeiros detalles dun evento, de carácter solidario, que terá lugar, o vindeiro domingo, no soto da Praza de Abastos, no cal se doará o 100% da recadación conseguida “aos afectados pola guerra en Ucraína” explicaba a rexedora.

O acto terá lugar este domingo, 24 de abril, xunto a Cruz Vermella, un tardeo solidario para axudar ao pobo ucraíno. Trátase dunha cita festiva que se desenvolverá no soto da Praza de Abastos entre as 13.00 e ás 20.00 horas.

O cartel deste concerto contará coas actuacións totalmente desinteresadas dos lucenses Edgar Bao, Forguet La France, La Penúltima e David Taboada & Fernando Losada. “É un orgullo para min, anunciar iniciativas solidarias na nosa cidade. Pero tamén o é, que estean lideradas por artistas locais que poidan dar visibilidade aos seus fantásticos traballos” apuntaba a rexedora, ao tempo que lles agradeceu a implicación altruísta nesta cita a todos eles, que “pretenden sumar esforzos en contra da guerra e en apoio de Ucraína” destacaba.

As entradas pódense adquirir de xeito anticipado a través da plataforma outick: https://www.woutick.es/ .Tamén se poñen á venda de xeito anticipado, no local comercial situado na rúa Nova, 78 (Panda Cúnico) en horario de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

O importe das entradas será de 10 euros para toda a tarde e poderán adquirise ao longo de toda a xornada ás portas do soto da Praza de Abastos. Ademais destas entradas establecerase unha Fila 0 para que toda a cidadanía poida colaborar con esta causa benéfica, aínda que non asistan ao concerto. “Todos os fondos recadados serán entregados 100% á organización Cruz Vermella para axuda humanitaria derivada da invasión bélica de Rusia” explicaba a edil.

“Desde que empezou a guerra son moitas as persoas que se puxeron en contacto coa área de Benestar para colaborar” sinalaba a rexedora. Neste sentido, a alcaldesa, explicou que “esta é unha boa forma de axudar” e animou a todos os lucenses e visitantes da cidade a participar neste acto solidario, co que o Concello de Lugo suma así unha nova acción a favor de Ucrania, destacando que “unha vez máis se está a demostrar o espírito solidario da cidadanía lucense”.

A rexedora lembraba que, Lugo ven de sumarse á iniciativa solidaria impulsada pola Confederación de Empresarios e a Federación de Asociacións de Veciños para acadar o apoio da sociedade lucense á poboación ucraína baixo o lema ‘Lugo con Ucraína. Non á guerra’ a través da que se pretende poñer á venda ao redor de 3.000 camisetas deseñadas para visualizar a implicación da cidadanía luguesa coa catástrofe humanitaria que derivou do conflito bélico.