Skip to main content
Lugo

Presentado o proxecto do espacio Coliving artístico no barrio do Carme en Lugo

Por 20 Abril, 2022Sin comentarios

No día de onte presentouse o proxecto de rehabilitación dun inmoble municipal no Carme, situado a pé do Camiño Primitivo, que se converterá no primeiro coliving artístico de carácter municipal de España, e que incluirá, ademais, a execución dunha nova edificación como área expositiva e a recuperación de 3.000 metros cadrados de infraestruturas verdes ao seu carón co fin de xerar tamén un espazo de uso para toda a cidadanía lucense e unha zona cultural aberta que poida albergar unha programación propia.

O coliving é unha fórmula que supera aos espazos clásicos de emprendemento, os coñecidos como coworking, xa que, neste caso, os artistas, ao mesmo tempo que comparten lugar de traballo para desenvolver o seu proxecto creativo, compartirán vivenda e experiencias durante un tempo. Ademais, grazas a situarse en pleno Camiño Primitivo, os creadores conectarán cunha contorna patrimonial de gran valor e inspiración, Patrimonio da Unesco, así como cos peregrinos que o percorren.

Os obxectivos desta iniciativa, que se enmarca na estratexia DUSI Muramiñae de unión da trama urbana co Miño, serán darlle unha oportunidade aos talentos lucenses, potenciar o emprendemento en iniciativas culturais e utilizar a creación como medio de expresión e nexo entre o patrimonio histórico-cultural de Lugo co pensamento e a sociedade, así como revitalizar o Camiño Primitivo e o turismo de calidade e experiencias que esta vía de peregrinaxe atrae a Lugo.

A intervención que acometerá o Concello, cuxa execución sairá a licitación na Xunta de Goberno Local da vindeira semana por 500.000 euros e un prazo de obra de 10 meses, incluirá a rehabilitación da vivenda, que disporá de tres habitacións, espazos comúns e áreas de traballo e talleres, a recuperación do espazo exterior para crear unha zona verde de 3.000 metros cadrados respectuosa coa vexetación boscosa da contorna, que será tamén un espazo onde se organizarán concertos, teatro e mostras cos traballos dos artistas residentes, e a creación dunha nova edificación, que funcionará como zona expositiva.

O proxecto é respectuoso co sistema tradicional da vivenda que se recuperará, que se conservará, así como os muros e todos os elementos existentes de valor, como o muíño contiguo, intervindo só naquelas zonas danadas ou con falta de habitabilidade.

Este equipamento cultural ampliarase cun novo edificio independente, de madeira e cristal co fin de aumentar a sensación de lixeireza e de que sexa pouco invasivo na paisaxe

En canto os espazos verdes, o seu deseño da resposta aos desniveis existentes desde a Rolda do Carme á casa, de 10 metros, para que sexa accesible, polo que se estruturará en bancais e delimitará de espazos aproveitando os muros existentes para crear distintas zonas onde desenvolver actividades culturais. Así mesmo, a existencia de auga na parcela permitirá canalizala para crear un estanque con vexetación adecuada ao seu ao redor.

A estrutura verde conectará a cidade amurallada co leito do río, mostrando a localización das antigas hortas e respectando a vexetación tradicional. Xa que non se busca crear un xardín senón xestar dous ambientes principais e diferenciados, un, de carácter máis forestal, que separará o espazo do tráfico rodado do Carme, con arboredo composto principalmente por exemplares de folla caduca (nogueira, bidueiro e carballos), e un segundo ambiente, de carácter máis aberto, que se relaciona co uso específico da arquitectura proxectada proporcionando espazos exteriores de estar, bancadas, bancos corridos, etc.

O Concello de Lugo entregará bolsas anuais para a estadía dos artistas, de duración de catro meses, e conformarase un comité de profesionais do mundo da arte con recoñecido prestixio para a selección dos artistas e dos mentores.

Ademais da formación creativa, o Concello, con apoio do CEI-Nodus, asesorará aos artistas residentes na creación das súas propias empresas e axudará a poñelos en contacto dos distintos axentes culturais, de xeito que os acompañaremos no seu desenvolvemento profesional e empresarial.

A casa Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiado ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.