Skip to main content
Lugo

ADEGA Lugo organiza un novo roteiro por Cercedo

Por 21 Abril, 2022Sin comentarios

Continuando co programa de roteiros “As nosas sagradas montañas” o vindeiro domingo 24 de abril, coñeceremos o Monte do Seixo, santuario perdido dos celtas, xunto coa Asociación Capitán Gosende. O percorrido é de algo máis de 7 km e de dificultade baixa.

Percorrerán nun itinerario lineal algunhas das estacións arqueomíticas do monte do Seixo, descubertas tras unha investigación etnográfica levada a cabo a finais dos anos noventa: Chan de Mamas (necrópole neolítica: a tumba do Tecelán de Carballás); as lagoas de Xestido (lenda da santa Mariña e do pozo da Muller Morta); o Almadraque de Pirocha (tripla manifestación da Moura, deidade primixenia); a Trampa do Lobo (vestixios dun cortello lobeiro); a Cruz do Seixo (antigo e cristianizado ara solis); Portalén (a porta ao Máis Alá); o Marco do Vento (pedrafita de 6 m de alto e 30 m3 de pedra de gran)…

Ao tempo, denunciarán, coma sempre, a desfeita arqueolóxica e ambiental perpetrada na montaña dende que, en 1999-2000, a cacicaxe de Cerdedo e Forcarei permitisen a instalación dos aeroxeradores eólicos.

Para participar no roteiro é preciso reservar praza antes do venres 22 ás 13.00 horas. Toda a información e reservas en www.adega.gal

O PROGRAMA DE ROTEIROS “AS NOSAS SAGRADAS MONTAÑAS”
Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o territorio.