Skip to main content
Lugo

A Galería Nova Rúa acollerá as obras de Víctor Rodríguez Espiñeira

Por 22 Abril, 2022Sin comentarios

A Galería Nova Rúa de Lugo acolle a partir de hoxe, venres 22 de abril, unha exposición do artista galego Víctor Rodríguez Espiñeira, co título Obra recente. A inauguración terá lugar ás 20.00 horas na galería e contará coa presenza do autor.

Víctor Rodríguez Espiñeira naceu en Vigo en 1981, onde aprendeu técnicas de pintura co artista Mingos Teixeira. Despois de pasar pola universidade e cursar estudos de enxeñería técnica industrial, optou por dedicar o seu tempo á pintura, e continuou coa súa formación de forma autodidacta, estudando tamén escultura na Escola de Artes e Oficios de Vigo e asistindo ao Máster en Obra Gráfica da Fundación Ciec.

Este autor comezou a expoñer en 2007 de forma individual e tamén colectiva e seguiu ata 2019, ano no que tamén se puido ver na galería Nova Rúa e onde tamén estivo en 2015 nunha mostra colectiva. Os seus traballos percorreron toda Galicia con exposicións individuais e colectivas en Santiago, A Coruña, Lugo, Monforte, Vigo, Ribeira, Betanzos, Cangas, etc.

Ademais, foi galardoado en 2015 no IX Concurso de Pintura Manuel Rebón do Concello de Ares e no XIV Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo.

En 2017 recibiu a mención especial do xurado no XIV Certame de pintura Concello de Cambre e no 2018 un accésit no Certame Crearche, da Universidade de Santiago.