Skip to main content
Lugo

Continúa a renovación do alumeado na Avenida das Américas

Por 23 Abril, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas e a concelleira de Participación, Cristina López, visitaron o inicio da segunda fase da renovación do alumeado público da avenida das Américas. Rubén Arroxo destacou que “con esta nova intervención completamos os traballos iniciados o ano pasado, coa renovación da primeira fase da rúa”. O Tenente Alcalde explicou que o alumeado actual “ten en moitos casos máis de 20 anos, e as luminarias son de vapor de sodio, un elemento altamente contaminante”.

O novo alumeado estará baseado en luminarias LED, “o que permitirá avanzar na ampliación das luminarias de baixo consumo na rede de alumeado público municipal”. Os traballos executaranse no último treito da Avenida das Américas, estendéndose ata a ponte que conecta a rúa coa N-VI e nas rúas Pomar e Ameneiro, e consisten na substitución das luminarias antigas, con consumos de entre 150 e 400W, por novas luminarias LED con consumos de entre 73 e 236W. Esta actuación permitirá reducir o consumo do alumeado eléctrico desta zona en preto de 3.000 W, o que suporá deixar de emitir 4.7Tn de CO2 á atmosfera.

Arroxo explicou que “seguimos traballando para mellorar o alumeado público, aplicando a perspectiva de xénero para reducir zonas escuras nos distintos puntos da cidade, ao mesmo tempo que reducimos a factura da luz que paga o Concello, o que nos permite avanzar de cara a unha cidade máis ecolóxica”.

Esta nova actuación supón un investimento de 231.702,90€, e os traballos teñen unha duración estimada de 14 semanas.