Skip to main content
Lugo

A Xunta recibe ofertas para as 13 parcelas do Polígono industrial das Gándaras de Lugo

Por 24 Abril, 2022Sin comentarios

A Xunta acaba de iniciar a análise para a adxudicación de 13 parcelas do parque empresarial das Gándaras, en Lugo, que suman case 44.000 m2.

O pasado 30 de marzo pechou o prazo para a presentación de propostas para a adquisición de solo empresarial neste polígono no marco do concurso convocado en febreiro, polo que agora o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a analizar as ofertas presentadas. En total, as parcelas polas que existe interese suporían un investimento de 2,7 millóns de euros, xa aplicada a bonificación do 50%.

No que respecta ao conxunto de Galicia, recibíronse ofertas para adquirir 22 parcelas en 6 parques empresariais, que suman un total de máis de 66.000 m2 e implicarían unha venda por valor de 5 millóns de euros unha vez aplicados os incentivos.

Cómpre lembrar que no concurso deste ano dispuxéronse catro modalidades de compra das parcelas: adxudicación con prezo bonificado, en dereito de superficie, en alugueiro e en compravenda con pago aprazado, esta última por primeira vez.

Tras a formalización dos contratos de adxudicación do concurso, o solo dispoñible no polígono das Gándaras e no resto de parques poderá adquirirse nas mesmas condicións da última convocatoria deste procedemento.