Skip to main content
Lugo

Os Socialistas de Deputación de Lugo demandan medidas para fomentar o uso do galego

Por 25 Abril, 2022Sin comentarios

O Grupo Socialista na Deputación de Lugo defenderá no Pleno ordinario do vindeiro martes unha moción na que reclama á Xunta medidas de fomento do uso galego, especialmente para frear a caída de falantes entre a mocidade. Lembran que organismos como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega veñen advertindo do retroceso no uso do galego. “Queremos anovar o noso compromiso ca lingua galega, así como o seu emprego e o fomento do seu uso normalizado nos ámbitos cotián e administrativo”, sinalan.

Na proposta, o PSdeG solicita ao Goberno galego que cumpra cos contidos da Carta Europea de Linguas Minoritarias, nomeadamente no que fai ó uso do galego no ensino, e que se garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos, tamén no sistema público de universidades. Por iso tamén demandan que se estude o impacto que ten o acceso ó teléfono móbil por parte de nenos e nenas como factor que fai retroceder no uso do galego, e nesa liña, que se potencie o investimento en contidos dixitais de calidade, en galego, dirixidos á mocidade.

Neste contexto, emprazan á Xunta “a que o investimento no programa de fomento da Lingua Galega recupere, a lo menos, os niveis que tiña no ano 2009, revertendo o recortes do 41% efectuado polo actual goberno. E que a Xunta adopte medidas para fomentar o uso do galego na administración de Xustiza”.

RAG ou o Consello da Cultura Galega advirten do retroceso do galego
Así as cousas, lembran que organismos como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega veñen advertindo do retroceso no uso do galego, “unha situación que está a facer retroceder a lingua a niveis propios dos anos 90”. O balance máis negativo da situación faino o propio goberno da Xunta de Galicia, que no seu Plan de Dinamización da lingua galega na mocidade 2019-2022 recoñece que “a partir do 2008 apreciamos un importante descenso do bilingüismo con predominio do galego que se traduce nun aumento dos usos monolingües…moito máis acusado en favor do monolingüísmo en castelán”.

Fracaso do seu modelo lingüístico
A Xunta vén recoñecer así o fracaso do seu modelo lingüístico, e que o suposto “bilingüismo harmónico” do que presume o presidente da Xunta – mesmo como parte do seu proxecto para o PP estatal- non é tal. É tan só unha cortina de fume para agochar unhas políticas pensadas para manter a situación de preeminencia do castelán.

Cumpre sinalar que, de acordo cos datos do Instituto Galego de Estadística, no ano 2008 un 14% dos alumnos/as galegos recibían todas as súas clases en galego. No ano 2013, apenas catro despois da chegada do PP ó goberno da Xunta, esa porcentaxe caera ata o 2,15%. Os datos do 2018 ofrecen unha nova caída. Só o 1% dos e das estudantes galegas cursan a totalidade das súas materias en galego.

O investimento no fomento da lingua galega caeu un 22%
Dun xeito parello á caída do uso do galego no ensino evolucionou o investimento no fomento da lingua. O investimento no programa de fomento da lingua galega caeu un 22% nos orzamentos do ano 2022, situándose nuns 10 millóns de euros. Por iso é preciso advertir que este programa “contaba no ano 2009, no último orzamento do goberno bipartito, dunha dotación duns 17 millóns de euros. O recorte do PP nestes 13 anos é de aproximadamente un 41%”.

Os socialistas critican que “a Xunta do PP segue a reducir o uso do galego no ensino. Aposta por universidades privadas pero non adopta medidas para fomentar o uso do galego no sistema público universitario de Galicia. Mentres as novas tecnoloxías chegan á vida dos nenos/as, que acceden cada vez máis a contidos a través do seu teléfono móbil, carece dunha política de presenza do galego en redes sociais. Nun xesto que case parece unha burla, mesmo chega a financiar o estreo en Amazon de contidos sobre Galicia que non teñen nin o audio nin os subtítulos dispoñibles en galego. No que fai ó uso do galego na Xustiza, a Xunta tense amosado remisa a cumprir ca súa propia lexislación, ignorando que a Lei de Normalización Lingüística do ano 1983 instaba á Xunta a promover a progresiva normalización do galego na administración de Xustiza”.