Skip to main content
Lugo

A Praza da Mosqueira será presidida por unha polbeira

Por 25 Abril, 2022Sin comentarios

A escultura dunha polbeira presidirá a nova praza da Mosqueira, unha vez esté rematada. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou, xunto cos concelleiros Alexandre Penas, responsábel da concellería de Infraestruturas Urbanas, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, e cos artistas locais Honorio, escultor e Jorge Espiral, pintor, a primeira imaxe do traballo que se colocará na Mosqueira unha vez rematen os traballos de peonalización.

Rubén Arroxo destacou que esta intervención será “unha homenaxe a todas as polbeiras que se colocaban nesta zona cada feira de San Froilán”, e engadiu “esta escultura representará un anaco da historia de Lugo e unha homenaxe a todas as mulleres que realizaban este traballo”. A escultura definitiva realizarase en cobre e terá unha altura aproximada de 1.80 metros.

A nova praza da Mosqueira será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira. O proxecto foi realizado co obxectivo de avanzar na mellora da percepción visual da Muralla, e a zona inferior, próxima á porta de San Pedro, conta cunha pavimentación novidosa en Lugo, que alterna céspede e baldosas.