Skip to main content
Lugo

O proxecto para desenvolver a urbanización do treito da Quinta de Pérez será aprobado na Xunta de Goberno

Por 27 Abril, 2022Abril 28th, 2022Sin comentarios

Esta semana a Xunta de Goberno aprobará inicialmente o proxecto para desenvolver a urbanización e ensanche do treito da Quinta de Pérez no que conflúen as rúas Otero Pedrayo e Río Sil; un ámbito de titularidade privada que aínda non fora executado na súa totalidade e que carece, nunha das dúas marxes, de beirarrúas e de parte da calzada.

O concello aplaudiu o paso dado pola iniciativa privada para acondicionar este enclave o que se traducirá nunha mellora da accesibilidade en toda a zona que favorecerá o tránsito peonil.

A actuación deseñada permitirá resolver a continuidade dos itinerarios que comunican estas dúas vías pero xa nunhas condicións dignas de urbanización, con todos os servizos de abastecemento e saneamento, mellorando notablemente o estado do pavimento actual, as dimensións da calzada, e tamén as dotacións de iluminación o que redundará nunha maior seguridade, especialmente en horario nocturno.

A intervención servirá tamén para ordenar a oferta de prazas de estacionamento existentes na zona, minimizando os espazos residuais e erradicando así puntos insalubres ou degradados, o que se imbrica no espírito que impulsamos dende o Executivo para acadar unha cidade máis integradora e habitable para todos e todas.

A urbanización posibilitará a incorporación ao viario público de novos espazos de convivencia que puideran estar ligados a novas actividades económicas ou de esparexemento, susceptibles de establecerse nos aproveitamentos lucrativos da contorna e que, para a súa implantación, precisaban da devandita urbanización.

A materialización destas obras, que teñen un custo de 160.000 euros e dispoñen de 6 meses de prazo de execución, outorgaranlle a este punto da capital unha dimensión máis amable e confortable, unha dimensión pola que avoga a estratexia municipal e coa que se pretende contemplar todas as necesidades reais, cotiás e variadas da cidadanía, abandonando as anteriores tendencias máis uniformes e tradicionais.

Actualmente,a área de Medio Ambiente está a crear unha nova área de descanso na confluencia de Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaveiro, apostando así por rexenerar este barrio lucense, logo de arranxar, a inicios de ano, o gran banco de Paradai, de 14 metros de lonxitude, moi empregado pola veciñanza. Actuacións de humanización ás que o Concello pretende contribuír coa próxima construción doutro espazo de ocio e convivencia interxeracional que incluirá unha zona de xogos infantís.

Outros asuntos da Xunta de Goberno Local

Na sesión deste mércores, o equipo de Goberno, procederá a autorizar catro expedientes de Expropiación por Ministerio de Lei – a iniciativa dos seus propietarios – doutras tantas parcelas, sitas na Rolda Xosé Castiñeira e que, no seu conxunto, ocupan un total de 1.461 m² polos que o Concello abonará un importe total de 380.429 euros.