Skip to main content
Lugo

O PP levará ao pleno de mañá unha proposta en relación aos horarios do Mercado e Praza de Abastos

Por 27 Abril, 2022Sin comentarios

O Partido Popular insta ao equipo de goberno a convocar, de xeito inmediato, a Comisión Consultiva de Prazas e Mercados e que este órgano consultivo se estableza como cauce de comunicación entre o Concello de Lugo e os titulares dos postos da Praza de Abastos e do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros.

A concelleira popular Sagrario Sánchez propón crear, a partir de dita comisión, un grupo de traballo para a actualización da ordenanza municipal do ano 2011, adaptando o seu contido ás demandas actuais, buscando medidas ambiciosas que leven a estas instalacións municipais a ter o volume de operacións comerciais desexables. O terceiro punto desta iniciativa é establecer, de acordo cos titulares dos postos, un plan de dinamización dos mercados tradicionais que inclúa a Praza de Abastos e o Mercado Municipal e que fomente de forma activa as transaccións comerciais nestes establecementos.

Esta petición do Grupo Popular xurde logo de que dende a Concellería de Participación Cidadá, se remitise aos industriais da Praza de Abastos e do Mercado de Quiroga Ballesteros una misiva que recordaba as obrigas que impón a ordenanza municipal aos titulares dos diferentes postos no tocante aos horarios mínimos de atención ao público e que neste caso implica a apertura pola tarde dos seus negocios.

A edil do PP lembra como a ordenanza municipal recolle a obrigatoriedade de convocar unha comisión consultiva cada ano con carácter ordinario, podendo convocarse con carácter extraordinario se así o require algunha das partes. Co ánimo de trasladar aos praceiros o contido desta iniciativa, hoxe reuníronse cos afectados para manifestar o apoio do Grupo Popular as súas xustas reivindicacións para conseguir que este espacio emblemático de Lugo sexa un revulsivo para o comercio local e de proximidade do centro.

Outras iniciativas de pleno
Ademais da proposta da Praza de Abastos e o Mercado os populares defenderán no pleno de mañá unha iniciativa para que se elabore un plan de optimización de recursos que evite que medren de forma desmesurada as facturas de mantemento dos edificios e instalacións públicas. “O que pedimos son contratos unificados dos subministros enerxéticos, estudio de alternativas, eficiencia enerxética e que o goberno de Lugo xestione o diñeiro dos lucenses como se fose o seu propio” resumen os populares.

O espírito da segunda iniciativa que o PP eleva ao pleno é para que se faga un estudo pormenorizado sobre a cobertura de fibra óptica nas 54 parroquias do municipio para evitar que queden veciños sen este servizo, tal e como vimos detectando nas visitas á zona rural que fai o Grupo Popular. Podemos entender que dada a extensión da zona rural de Lugo, que é o municipio galego con máis parroquias, é complicado unha cobertura total no obstante hai que traballar e aspirar a dar o mesmo servizo a todos os veciños, residan onde residan

A terceira iniciativa busca conseguir que as zonas verdes da nosa cidade sexan o máis accesibles posibles e por iso propoñemos “elaborar un plan de accesibilidade global para planificar e dar prioridade ás accións que sexan necesarias para alcanzar unha excelencia que permita disfrutar ás persoas con discapacidade do patrimonio natural que temos en Lugo”.