Skip to main content
Lugo

‘De perdidos ó Miño’ o festival que fomentará o respecto á diversidade sexual, terá lugar o 6 de maio

Por 28 Abril, 2022Sin comentarios

O paseo do Miño acollerá o vindeiro venres, 6 de maio, a primeira edición do festival ‘De perdidos ao Miño’, que nace para ser un referente en Galicia para concienciar desde un espazo de reflexión, pero tamén lúdico, sobre o respecto á diversidade sexual. Para iso, persoeiros e profesionais que son hoxe en día referentes na mocidade en temas de igualdade, diversidade e inclusión alíanse co Concello, que nace con vocación de continuidade.

O obxectivo desta iniciativa é achegar ás novas xeracións, nunha contorna natural e aberta como é o río, valores sociais co fin de evitar que se transmitan prexuízos contra a diversidade desde idades temperás. Búscase que poidan abordar adecuadamente e con normalidade cuestións de ámbito sexual, achegándolles ferramentas para resolver os problemas aos que poidan exporse.

Neste primeiro festival participarán, entre outros convidados, Carolina Iglesias, cómica, guionista e youtuber galega, recoñecida no 2021 co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo a favor dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón, e gañadora dun Premio Ondas polo seu podcast ‘Estirando o chicle’. Tamén acudirán a psicóloga María González Da Rivera; Noemí Díaz Vázquez, profesora lesbiana visible de Bioloxía e Xeoloxía, integrante da Rede Educativa de Apoio LGBTI+ de Galicia e colaboradora de diarios nacionais; Marta Herráiz, fundadora de LesWorking, a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas e codirectora xeral de REDI, a rede empresarial pola diversidade e inclusión LGBTI en España; Luis Arean, xornalista e membro fundador do Grupo de Minorías Sexuais de Amnistía Internacional España, e Xácia Ceive, norteamericana transexual asentada en Galicia e creadora do proxecto Sete Outeiros.

O cartel de participantes é de primeiro nivel, que abordará, entre outros temas, a orientación sexual e a identidade de xénero. Neste espazo compartirán ademais, as súas propias experiencias en situacións e momentos cronolóxicos diferentes, e falarán do que significa para eles a súa opción de vida emocional, sexual ou afectiva.

Á presentación do festival asistiu tamén asistiu Isabel Lozano, membro de Derribando Murallas, que convidou á participación.

‘De perdidos, ó Miño’ celebrarase o 6 de maio, a partir das 18.00 horas, e pecharase coa actuación en directo de RIQUINHA DJ, residente na sala BLOOM de Santiago.