Skip to main content
Lugo

Novas actividades na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Lugo

Por 29 Abril, 2022Abril 30th, 2022Sin comentarios

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza deu conta no pleno municipal de novas actividades que se organizarán na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros. A concelleira de Participación explicou que “seguimos a traballar na promoción da Praza e do Mercado, con actividades diversas que acheguen estas instalacións á veciñanza”.

Entre as actividades anunciadas pola concelleira de Participación atópanse o salón EXPOBODA, adicado á organización de vodas, que chegará ás instalacións municipais entre o 14 e o 16 de outubro. Durante o verán, a área de Participación organizará diversas actividades na Praza e no Mercado, e Cristina López adiantou a organización dun campionato de futbolín para os días 13 e 14 de agosto.

A actividade na Praza e no Mercado continúa co ciclo Música no Mercado, que animará as instalacións coa interpretación de temas musicais a cargo da banda Claustromusical. A actividade comezará este sábado a partir das 13:15, e continuará os días 28 de maio e 19 de xuño.

Cristina López lembrou que continúan as actividades infantís nas mañás dos sábados, co obxectivo de “facilitar que as nenas e nenos poidan divertirse e aprender mentres as familias realizan as súas compras na Praza de Abastos e no Mercado Municipal”. As actividades, que foron un éxito de asistencia no primeiro trimestre do ano terán lugar nas mañás dos sábados de abril, maio e xuño entre as 11 e as 14 horas. As actividades consisten en obradoiros de reciclaxe, creatividade e cociña, adaptadas ás idades das nenas e nenos presentes.

A concelleira de Participación afirmou que “continuamos a promocionar a Praza e o Mercado para facilitar que toda a veciñanza poida coñecer os productos de primeira calidade que se comercian nestas instalacións”. Cristina López animou á veciñanza a “realizar as súas compras na Praza e no Mercado e desfrutar da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación”.

Actividade no Cemiterio Municipal

Esta fin de semana continúan as actividades no Cemiterio Municipal. O sábado 30, a partir das 17:00 realizarase unha nova visita teatralizada baixo o nome Quen ocupa esa cadeira, e o domingo 1 de maio, ás 11 da mañá, celebrarase o día da nai nas instalacións do cemiterio. Ambas actividades correrán a cargo da Escola Palimoco de Teatro e Danza