Skip to main content
Lugo

A Escola Ramón Falcón e Lugo Monumental asinan un convenio de colaboración

Por 29 Abril, 2022Sin comentarios

Ramón M. Cabarcos Rodríguez, director da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón ( EASDRF) e Luís Latorre Real, presidente da Asociación de Empresarios Lugo Monumental (LM), asinarán esta tarde ás 18.00 horas no centro académico lucense un acordo de colaboración.
No devandito acordo contémplanse dúas accións, as prácticas en empresas onde Lugo Monumental facilitará aos alumnos do Grao de Deseño de Interiores o acceso a empresas do sector para a realización das 250 horas de prácticas necesarias para a obtención do título. A outra vertente do acordo supón que os locais do centro histórico recibirán planos dos seus establecementos e propostas de deseño para os mesmos a cambio de permitir aos alumnos acceder para tomar medicións e presentar proxectos como traballo de fin de estudos.

Tal e como indicou Ramón Cabarcos, a ganancia para o alumno radica na disposición dun espazo interior para a realización dese Traballo de fin de estudos, necesario para a obtención do título.
Pola súa banda Luís Latorre ve beneficioso para a empresa ou o propietario do local a recepción, sen custo algún, do levantamento de planos do seu local en formato informático CAD, que pode ser moi útil para a xestión de calquera trámite administrativo ou catastral ou para desenvolver un proxecto de acondicionamento ou renovación do mesmo. Tamén existirá a posibilidade de mostrar o resultado do deseño efectuado, no escaparate ou outro soporte existente, o cal, no caso de locais baleiros, é unha información moi útil para un posible arrendatario do mesmo.

Inscrición no Grao de Deseño de Interiores:
O director da Escola informou que xa está aberto o prazo de matrícula no Grao de Deseño de Interiores, e que iniciativas como a que hoxe se presenta facilitan a saída profesional destes estudos.