Skip to main content
Portomarín

A Deputación abre o proceso para adxudicar o Club Náutico de Portomarín

Por 9 Abril, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou a apertura do  procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación do Club Náutico de Portomarín, de titularidade provincial. O prezo mensual fixado é de 300€, é dicir, 3.600€ ao ano. A Deputación avaliará para a súa adxudicación o prezo ofertado polas empresas, os investimentos en equipamento propostos para as instalacións, e a memoria técnica e xestión empresarial presentada. A concesión é por dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas máis dun ano cada unha. Farase unha concesión demanial, o que significa que o gañador ou gañadora do concurso terá o aproveitamento privativo e temporal destes bens.

A voceira socialista sinalou que antes de abrir este procedemento, a institución provincial completou unha serie de obras de mellora das instalacións por un importe de preto de 40.000€ e que consistiron na reparación e limpeza do tellado, na reposición dalgúns elementos da fachada e no acondicionamento dos baños, que se ampliaron e se dotaron de accesibilidade. Tamén se habilitou como almacén un espazo no semisoto.

O inmoble conta con cafetería e cun salón grande que podería usarse a modo de comedor. Ademais, este inmoble ten unha terraza grande sobre o río Miño e outro espazo exterior de gran tamaño para a realización de actividades náuticas cando as condicións da auga o permiten, como piragüismo ou vela.

García Porto lembrou que a semana pasada o Goberno aprobou abrir o procedemento para a concesión do restaurante Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, e explicou que coa apertura da convocatoria pública para a explotación destes bens da Deputación “non pretendemos obter unha renda económica, senón promover o uso e manter activas as instalacións para que sexan aproveitadas pola cidadanía”.