Skip to main content
Folgoso do Courel

A Xunta e o Concello executarán un acceso provisional ao Courel

Por 12 Abril, 2022Abril 13th, 2022Sin comentarios

A Xunta e o Concello de Folgoso do Courel acordaron onte a execución dun acceso provisional ao municipio que permitirá restituír o tráfico na estrada LU-651 e que poderá estar en servizo no verán.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo onte á tarde un encontro coa alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, para abordar a situación xerada tras o desprendemento rexistrado nun treito de 200 metros da vía autonómica, que constitúe o principal acceso ao municipio.

Segundo os estudos realizados, mentres se determina a alternativa definitiva máis segura e viable, este desvío provisional permitirá unha áxil restitución do tráfico viario.

O novo acceso acordado, que se desenvolverá nas proximidades do treito afundido, terá unha lonxitude duns 740 metros, un orzamento de máis de 770.000 euros e posibilitará garantir a mobilidade na contorna, sendo a alternativa máis eficiente a curto prazo.

A LU-651 permanece cortada ao tráfico entre Quiroga e Folgoso como consecuencia do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18, na zona Santa Eufemia, o pasado 20 de marzo.

A Xunta actuou desde o primeiro momento que tivo lugar o afundimento, traballando na declaración de emerxencia para poder executar a obra coa máxima axilidade posible e cunha solución rápida e segura.

No marco das análises efectuadas, proxéctanse varias alternativas definitivas, entre elas a execución dun viaduto para salvar o treito da vía desprendido, a execución dunha vía de novo trazado ou a construción dun túnel máis afastado, duns 400 metros de lonxitude.

A Consellería de Infraestruturas estivo a realizar estas semanas unha campaña de sondaxes geotécnicos na zona do afundimento para coñecer en profundidade o estado e o comportamento do terreo co fin de poder avaliar a viabilidade das distintas alternativas e o restablecemento da conexión viaria.

Con todo, mentres non se fixe a alternativa final, tal como citouse anteriormente, as Administracións autonómica e local acordaron hoxe a posta en servizo do citado desvío provisional para facilitar as comunicacións na área.

Xunto con isto, a Xunta ten adxudicadas as obras de acondicionamento nesta mesma estrada, entre Folgoso e Seoane, concretamente entre Ferrería Vella e Seoane, xa adxudicadas, e na que se vai a investir 3,4 M€. O momento de execución desas obras decidirase de forma coordinada entre o Goberno galego e o Concello de Folgoso tendo en conta a planificación dos traballos que será necesario desenvolver para a restitución do treito de estrada desprendida.