Skip to main content
Monforte

Monforte xa ten todo listo para a XII Carreira Popular

Por 1 Abril, 2022Sin comentarios

A poucos días para o inicio da duodécima edición da Carreira Popular de Monforte, o alcalde, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción polo número de persoas anotadas: “A pesares da pandemia, mantemos un número similar de inscritos con respecto á última edición celebrada en 2019, co cal podemos dicir que a Carreira Popular volve con forza e que é todo un éxito de participación”.

O peche das inscricións para participar na XII Carreira Popular Concello de Monforte que se celebrará o vindeiro domingo 3 de abril, tivo lugar onte, cun total de 1.158 persoas inscritas para participar nalgunha das carreiras que forman parte do evento.

O alcalde anima a todos os veciños e veciñas de Monforte a presenciar as carreiras e a animar ós seus participantes “pois o alto número de inscritos garante que vaiamos a ter un gran ambiente atlético durante a mañá do domingo”.

A categoría mini conta con 117 inscricións, a prebenxamín 248, a benxamín 150, a alevín 136, a infantil e cadete 104 e a absoluta 413.

Horarios das probas
Son os máis cativos os que comezarán a competir ás 11.00 horas na categoría mini sobre unha distancia total de 80 metros e a continuación darán paso á categoría prebenxamín, ás 11.10 horas, benxamín ás 11.20 horas, alevín ás 11.30 horas, e infantil – cadete ás 11.40 horas.

Ás 12.00 horas está prevista a saída da carreira absoluta sobre un percorrido de 10.000 metros no que tomarán a saída 413 atletas.

Entre as probas de menores e a proba absoluta establécense un total de 14 categorías o que da lugar a un reparto importante de trofeos, xa que os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo conmemorativo do evento. A única categoría na que non haberá clasificación e na MINI onde todos e todas os e as participantes levarán unha medalla e unha bolsa de lambetadas como agasallo por rematala carreira.

Todos/as os/as atletas que finalicen cada unha das carreiras nas que participen recibirán un agasallo conmemorativo do evento así como avituallamento sólido e líquido.

Percorridos
As probas de categorías menores terán lugar no entorno das rúas Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure con meta no interior da Praza da Compañía, a excepción da carreira de categoría mini que ten a meta á altura dos quioscos situados na rúa Compañía.

A carreira absoluta ten un percorrido totalmente urbano que transcorre polas principais e máis céntricas rúas do Concello: Saída da Praza Compañía – Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avda. de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Dr. Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avda. de Galicia – Rúa Cardeal – Escultor Francisco Moure – Praza da Compañía.

Cortes de tráfico
A organización deste evento implica a alteración do trafico nalgunha das rúas polas que circula a carreira, feito polo que o Concello de Monforte pide a comprensión de tódolos veciños e veciñas.

O tráfico verase afectado do seguinte xeito:
Entre as 10:15 e as 13:45 h. estarán cortadas ó tráfico as seguintes rúas:

  • R/ Compañía dende a Praza Ponte Fontecha
  • Paseo de Lugo entre Dalmiro de la Válgoma e Duquesa de Alba
  • Dalmiro de la Válgoma
  • Escultor Frco. Moure ata o cruce con Celso Emilio Ferreiro.
  • R/ Reboredo, do número 1 ata o paso a nivel.

Entre as 11:45 e as 13:30 h. estarán cortadas as seguintes rúas:

  • Aparcamento do Parque dos Condes
  • R/ Compañía
  • R/ Paseo de Lugo
  • R/ Aceña Nova
  • R/ Carud
  • R/ Paredes
  • R/ San Lázaro
  • R/ Duquesa de Alba
  • R/ Dalmiro de la Válgoma
  • Escultor Frco. Moure ata o cruce con Celso Emilio Ferreiro
  • R/ Sarria
  • Avda. de Galicia dende o cruce con R/ Sarria ata o cruce coa R/ Ourense
  • Roberto Baamonde dende R/ Conde ata o cruce coa R/ Cardenal, con desvío da circulación por R/ Otero Pedrayo.
  • R/ Conde, tramo dende Oficina de Correos ata Prazuela do Conde.
  • R/ Cardenal Rodrígo de Castro
  • R/ Hortas
  • Praza Dr. Goyanes
  • R/ Doutor Casares dende Praza Doutor Goyanes ata cruce con Paseo do Malecón
  • Paseo do Malecón
  • Ponte vella
  • R/ Sta. Clara dende enlace con R/ Corredoira ata R/ A. Mendez Casal
  • R/ A. Méndez casal
  • Praza Campo de San Antonio
  • Tramo R/ Ourense entre Campo de San Antonio e Cruce con R/ Chantada
  • Estacionamentos públicos da R/ Hortas e Campo de San Antonio (traseira de Gonzalo Seguros)

Entrega de dorsais
Nesta edición do evento a entrega de dorsais realízase por adiantado e non se entregarán dorsais o día da carreira. Para elo o Concello de Monforte habilitará un punto de entrega de dorsais na praza da Compañía, en fronte das “Oficinas Municipais das Casitas” o venres 1 de abril de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e, o sábado 2 de 9.00 a 14.00 horas.

Utilización de máscara protectora
A única limitación existente en relación co COVID-19 é a obrigatoriedade de utilizar a máscara de protección no momento da saída e unha vez cruzada a liña de meta, así como no momento da entrega de premios. Unha vez dada a orde de saída de cada carreira os/as deportista deberán saír correndo coa máscara posta, que poderán retirar unha vez transcorridos os primeiros metros que permitan cumprir coa distancia de seguridade.

Tamén será obrigatorio o uso da máscara para recoller o trofeo no momento da entrega de premios.