Skip to main content
Axenda Caducada

A Mostra do Aceite de Quiroga terá lugar o próximo 29 de maio

Por 20 Abril, 2022Maio 29th, 2022Sin comentarios

Xusto co remate da Feira do Viño o Concello de Quiroga xa comezou a organizar outra das importantes citas dos produtos estrela da zona, a Mostra do Aceite. A data elixida para a celebración da XXII edición desta mostra é o domingo día 29 de maio. O lugar, como dende os seus inicios, no Muíño de Aceite de Bendilló, nas Farrapas.

Como primeiro paso na organización deste evento, tras fixar a data de celebración, é abrir o prazo para que os olivicultores do municipio se poidan anotar para acudir co seu aceite. As datas marcadas para formalizar as inscricións son entre os días 25 e 29 deste mes de abril.

O número de colleiteiros está limitado a 6 polo que os interesados en participar serán seleccionados por orde de inscricións no rexistro de entrada das oficinas municipais. Ademais será preciso contar co rexistro sanitario vixente e ter unha colleita mínima de 200 litros de aceite.

No momento de formalizar a inscrición é obrigatorio presentar unha mostra dun litro de aceite nun envase de cristal para realizar posibles catas.

Estes días reunirase a comisión organizadora para seguir pechando un programa que xa adiantaron que irá na liña do pasado ano, -que a pesar da pandemia sanitaria si se puido realizar baixo un estrito control das medidas sanitarias -. A pasada edición foi unha mostra máis etnográfica que festiva, onde a moenda tradicional do aceite dentro do muíño cobrou máis protagonismo que en anos anteriores.