Skip to main content
Ribas de Sil

O convenio do Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil foi aprobado no pleno

Por 27 Abril, 2022Abril 28th, 2022Sin comentarios

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade na sesión celebrada este martes o convenio específico do Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil. Este é o último trámite interadministrativo entre o Concello e a Deputación antes de proceder á apertura da residencia, que se prevé que sexa este ano, e será asinado polo presidente da institucional provincial e o alcalde da localidade.

Este convenio dá mostra de que a institución provincial avanza e cumpre co compromiso que ten adquirido cos Concellos en materia de residencias, e coas partidas destinadas á apertura de novas residencias cando aprobou os Orzamentos 2022. Con este convenio específico establécese a prioridade de acceso ás prazas no centro para os veciños e veciñas de Ribas de Sil; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e despois, para os veciños da provincia en xeral.

O convenio recolle que a Deputación se compromete a efectuar o financiamento previsto, a actuar como órgano de contratación e a impulsar un equipo técnico especializado no ámbito dos servizos sociais. E pola súa banda, o Concello comprométese a colaborar coa institución provincial e a facer as achegas económicas previstas.

Así mesmo, o documento inclúe o orzamento de máis de 2,8 M€ para as vindeiras catro anualidades para o funcionamento da residencia (2022, 2023, 2024 e 2025).

Nove residencias abertas neste mandato
Mostra da intensidade do traballo que desenvolve a Deputación para cumprir cos compromisos cos concellos en materia de residencias é que, só no que vai de mandato, abriu catro novos centros de maiores, na Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, que se suman aos tres que xa estaban en marcha, en Trabada, Ribadeo e Pol. Ademais, neste ano a institución ten previsto abrir as residencias de Ribas de Sil e Navia de Suarna, co que a finais deste mandato, serán un total de 9 os centros de maiores da rede pública da Deputación en funcionamento. Así mesmo, continúa traballando no resto de proxectos, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol, Cervantes, Folgoso do Courel e Ferreira de Pantón.