Skip to main content
O Incio

Xa hai tres bandas confirmadas para o Festival Terra Brava do Incio

Por 10 Abril, 2022Sin comentarios

O Incio recupera, tras dous anos de parón, o Festival Terra Brava. Esta cita será o vindeiro 13 de agosto no municipio. O evento de música tradicional e popular contou nas súas anteriores edicións con sesión vermú, almorzo popular, actividades para nenos e, a noite, concertos de grupos tradicionais galegos.

Terra Brava é o festival de música máis antigo da comarca de Sarria. A última das súas edicións cambiou a súa localización tendo lugar nunha carballeira na estrada do Incio a Óutara.

O primeiro grupo confirmado foi Ruxe Ruxe, un grupo de música galega formado en Aríns en 1996. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando instrumentos como gaitas e saxofóns cunha actitude punk. As súas letras son en galego e teñen unha temática moi variada na que predominan os textos costumbristas, sociais e o realismo máxico.

A segunda confirmación foi a banda Andoa que toca música folklórica atlántica, irlandesa, escocesa, galega, etc. O grupo está composto por Ricardo Mouriño, Iago Boente e Roi Adrio. Teñen unha ampla traxectoria no mundo da música tradicional, así coma noutros xéneros que van dende o reggae ata o jazz.

A última confirmación dende a organización do festival foi Dios Ke Te Crew, unha banda que naceu en Ordes no ano 2003, froito da unión de compoñentes de dous coñecidos grupos de rap en Galicia, 5Talegos e Ghamberros. Despois de realizar multitude de actuacións, no 2006 sae á luz o primeiro LP do grupo, “Xénese”, considerado un dos traballos máis influentes da escena musical galega e pedra angular do hip hop feito en galego.