Skip to main content
O Incio

O BNG no Incio presentou as propostas sobre a situación eléctrica na Galicia

Por 23 Abril, 2022Abril 24th, 2022Sin comentarios

O BNG organizou onte un acto no Incio para presentar á veciñanza as propostas para rebaixar o prezo da luz. Enmarcado na campaña O espolio da nosa enerxía sáenos moi caro, a deputada Carme Aira, xunto co consultor enerxético Xosé Manuel Golpe e Xosé Moscoso, representante do BNG no Incio presentaron as propostas do BNG sobre a situación eléctrica na Galicia.

Carme Aira afirmou que “é preciso poñer en marcha unha tarifa eléctrica galega que recoñeza o noso estatus de produtores de enerxía para o resto do estado”, e engadiu “as galegas e galegos non podemos pagar a luz máis cara do estado”. Aira destacou que “a luz é un servizo básico, non un artigo de luxo”

O BNG propón medidas para que a riqueza eléctrica repercuta en beneficio das familias, da clase traballadora e das empresas para crear emprego. Medidas como a tarifa eléctrica galega, a creación dunha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando, ou que a instalación de novos parques eólicos se vincule a proxectos industriais que xeren emprego son as propostas do BNG para poñer freo á suba do recibo da luz.