Skip to main content
Paradela

Celebrada a primeira mesa sectorial para a elaboración da Axenda Urbana e Rural de Paradela

Por 26 Abril, 2022Abril 27th, 2022Sin comentarios

O pasado 21 de abril celebrouse a primeira mesa sectorial dando comezo ao proceso de elaboración da Axenda Urbana e Rural de Paradela. Neste encontro participaron axentes en representación dos principais sectores económicos do municipio (gandería, hostalería, comercio, etc.), así como representantes da administración municipal e comarcal.

A finalidade desta mesa de traballo consistiu nunha primeira aproximación á diagnose da situación do municipio nos diferentes eidos que debe contemplar a Axenda, sendo tratados temas en torno a seis eixos principais: o sociodemográfico, o económico e produtivo, o enerxético, o patrimonial e cultural, o medioambiental e por último o eixo de participación comunitaria e innovación, de cara a facer de Paradela un ámbito de convivencia amable, acolledor, saudabe e concienciado.

Así mesmo, foron realizadas as primeiras entrevistas a diferentes axentes da realidade municipal, como son representantes do sector gandeiro, da hostalería ou do comercio local; as cales tamén contribuirán á diagnose.

Dentro do proceso de elaboración da Axenda Urbana e Rural de Paradela, vénse de habilitar unha enquisa online para coñecer as valoracións e opinións da cidadanía sobre os principais retos e problemáticas que consideran que este documento debe abordar, así como para recoller propostas para afrontar os mesmos.

Este proxecto é financiado polos fondos Next Generation UE e polo plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia no marco da Axenda Urbana de España.

Que é unha Axenda Urbana e Rural?
É un documento estratéxico que trata de abandeirar unha nova visión do urbanismo. Persegue, polo tanto, a consecución de cidades, vilas e pobos sostibles, inclusivos, seguros e resilientes. Concíbese como unha folla de ruta aberta a continuas melloras e reformulacións que implica a todos os axentes, públicos e privados, que interveñen no territorio e buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sostible desde os seus distintos campos de actuación.

A Axenda Urbana e Rural de Paradela deberá dar resposta ás necesidades particulares do noso municipio, pero incluíndo os compromisos adoptados na Axenda 2030, a Nova Axenda Urbana das Nacións Unidas, a Axenda Urbana para a Unión Europea e a Axenda Urbana Española.