Skip to main content
Samos

Samos: Ruta Serra do Édramo

Por 15 Abril, 2022Abril 16th, 2022Sin comentarios

Este roteiro comeza no Castro de Formigueiros e finaliza no Castro de Margarida seguindo a Serra do Édramo, que está situada entre os ríos Sarria e Mao. Este roteiro permite ver, ademais dos castros, as marabillosas paisaxes da Galicia interior. Ten un percorrido de 18 quilómetros e a duración será aproximadamente de 4 horas sendo de dificultade media.

Ao longo do roteiro pódense ver os túmulos do Neolítico á Idade de Bronce. Un deles ten clamásea funeraria descuberta.

Durante a realización deste roteiro pódense facer varios desvíos. O primeiro cara á Pena Grande a 838 m. de altitude e da cal se pode gozar das vistas que se alcanzan desde o seu miradoiro. O segundo merece a pena, se uno non esta aloxado en Samos, visitar a poboación da mesma.

Ao chegar ao concello de Samos hai varias cousas que chaman a atención. A máis importante, indubidablemente, é o mosteiro. Outra delas é unha serra de ladeiras boscosas que está xusto ao carón do mesmo, ao outro lado do río: a serra do Édramo.

O percorrido comeza mesmo en Samos e nos primeiros quilómetros vai pouco a pouco en constante subida ata chegar ao alto da serra, na súa parte situada máis ao sur. Aquí pódese ver o castro de Formigueiros situado estratexicamente nun outeiro a case 800 metros de altitude. Neste punto tomarase unha cómoda pista que atravesa a serra ata o norte pasando por numerosos túmulos megalíticos. Nesta zona tamén se gozará dunha ampla paisaxe en diferentes miradoiros sobre o val de Samos e o val do Mao, no Incio.

Logo de cruzar a serra collerase un camiño que en descenso leva a Vilar do Real, pero antes de chegar verase unha impresionante alvariza á beira do camiño. Máis adiante, tras cruzar a estrada chégase a San Martiño do Real, onde se seguirá durante dous quilómetros o camiño de Santiago, ata chegar novamente a Samos. O percorrido vai por camiños cómodos en xeral, salvo algún curto tramo de sendeiro.

O inicio do percorrido é en ascenso cara ao sur. É un ascenso constante, por unha ladeira boscosa practicamente coas árbores espidas, o que permite admirar a paisaxe capitalizada nos primeiros pasos polo Mosteiro de Samos.

Continuarase percorrendo algún pequeno bosque non demasiado espeso o que permite ter sempre sempre unha visión do val e, xa chegando ao límite sur da ruta, poderase divisar Sarria e máis ao lonxe a cidade de Lugo, pero iso vai ser cando se colla algo de altura e se alcance a zona de monte pelado, pois os montes deste do son alomados, dando lugar a grandes superficies abertas, ocupadas por matogueira intercalada con pastos. Algún pequeno rochedo completa o panorama. No fondo do val, o río Mao corre limpo, flanqueado por un importante bosque de ribeira.

Practicamente no alto, a ruta pola serra comeza moi perto da estrada que comunica Samos con Val do Mao e o val do Lóuzara, e discorre polos límites dos concellos de Samos e O Incio. Na subida cara ao castro de Formigueiros chama a atención, ao lonxe, a escultura composta por un mamut adulto e unha cría, pois O Incio quere reivindicarse como a terra do mamut, por ser o único lugar de Galicia no que apareceron restos deste animal. Cabe salientar que algúns destes restos foron doados por Isidro Parga Pondal á USC e hoxe pódense atopar na colección do Museo de Historia Natural da USC, situado no parque de Vista Alegre santiagués, de moi recomendable visita.

O castro de Formigueiros destaca pola magnitude e complexidade das súas defensas, coroadas por unha potente muralla. A sucesión de foxos, parapetos e plataformas danlle a todo o sistema defensivo un carácter labiríntico. O castro ten sona hoxe polo achado de lousas con peixes e cabalos gravados. No interior poden verse varias casas castrexas e un sector da muralla escavado, coas escaleiras de acceso.

Unha vez pasado o castro de Formigueiros, a ruta atravesa a necrópole megalítica do Campo de Valentín, e pódense ver varias medorras na beira do camiño. Son túmulos do Neolítico á Idade do Bronce, e un deles ten descuberta a cámara funeraria, o dolmen ou anta.

Continuamos pola pista comodamente ata que damos, á esquerda do camiño, cun desvío sinalizado que leva ao miradoiro de O Castelo, ao que se chega tras un percorrido duns 450 metros. A pouca distancia do miradoiro hai unha pequena construción que foi utilizada como refuxio para o pastoreo. Xusto á beira está o marco xeodésico da Vila e os restos do que puido ser unha torre de vixilancia, desde a que se poden divisar os castros de Formigueiros e da Margarida. Desde o miradoiro gózase dunhas belas vistas da vila de Samos e a súa contorna e, raiando o horizonte, distínguese a vila de Sarria e varios pobos do seu municipio.

O camiño segue por este mundo funerario na penechaira do Édramo ata chegar ao Castro da Margarida, en moitos aspectos similar ao de Formigueiros. Para chegar ata el é preciso torcer á man esquerda por un camiño que leva ata a súa base.

Baixando do mirador xa se pode ver o impoñente Oribio. Logo de pasar por Vilar do Real, ao acadar a estrada que vai de Samos a Triacastela, abandónase a pista continuando a baixada ata dar co Camiño de Santiago en San Martiño do Real, vía pola que se seguirá durante uns dous quilómetros ata chegar novamente a Samos.