Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista Nerea Iglesias: “Estamos enfocándonos en compoñer que é o diferenciador entre as bandas”

Por 25 Abril, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Sound Sisters é unha banda formada en plena pandemia por cinco sarriaos. O grupo toca cancións de estilo rock. Na súa curta traxectoria xa tocaron en grandes escenarios como o do Festival Noroeste ou o do San Froilán en Lugo.

A banda está formada por Nerea á voz, Olalla no teclado e voz, Morris no baixo, Chema na batería e Tomi na guitarra.

Falamos con Nerea Iglesias Maside voz de Sound Sisters.

Como naceu o grupo Sound Sisters?
Nacemos en xuño de 2020 en plena pandemia. Xa nos coñecíamos todos, éramos compañeiros e xurdiu a oportunidade de xuntarnos cando Tomi e Morris se achegaron a Olalla (teclista) máis a min (Nerea, voz) no San Xoán para propoñernos crear un grupo. En principio a idea era ser un grupo máis relaxado, non tiñamos as aspiracións de facer o que fixemos ata o de agora, queríamos tocar e pasalo ben, finalmente a cousa foi evolucionando ata o que somos a día de hoxe.

Que vos motivou a crear o grupo cando as actividades culturais estaban paralizadas?
Creemos que influíu moito a pandemia, estando nuns tempos tan escuros para a música a nós o que nos apetecía era quedar e tocar, xa non só o feito de desfrutar da música senón tamén desfrutar de nós. Por iso comezamos a quedar e ensaiar. Ao principio non tiñamos unha visión de futuro entón era unha maneira de pasalo ben e esquecernos da situación que estábamos a vivir.

Isto dificultou o proceso?
Loxicamente si. Hai que ter en conta que a meirande parte dos concertos que fixemos foron co público sentado e para o tipo de música que facemos que pide saltar e bailar isto era un pouco de baixón. Afectou máis seriamente nos períodos de confinamento, os paróns nos ensaios atrasounos na preparación de repertorio.

De que estilo son as cancións que tocan?
Os temas que tocamos en términos xerais son rock. Primeiro comezamos preparando covers dos clásicos do rock Jimmy Hendrix, Eric Clapton, Janis Joplin, Pink Floyd etc. Desde fai uns meses estamos centrados en sacar temas propios. Contamos con sete temas propios e o noso obxectivo é centramos na composición. Cremos que iso é o diferenciador dun grupo á hora de tocar en festivais onde prima a orixinalidade dos temas. Tamén queremos manter versións que mantemos polo recibimento do público. Cry baby de Janis Joplin é un éxito asegurado que conmove de maneira especial ao público. Tamén temos un tema de festa da que fixemos unha versión que supón un gran triunfo entre o público xa que a desfruta moito.

A que se debe a gran afluencia de músicos en Sarria?
Para ser unha vila de interior ten unha cantidade moi alta de músicos. Á xente de fóra tamén lle chama moito a atención. Eu creo que indubidablemente a presenza da Rúa da Música, a asociación que este ano celebra o seu décimo aniversario, é fundamental para a proliferación de músicos e apaixonados da música.

En Sarria tamén temos a banda de música e o conservatorio pero a Asociación facilita un lugar onde poder ensaiar. Isto supón unha vantaxe coa que non contan grandes cidades como pode ser Lugo onde xa é máis complicado atopar sitios onde ensaiar por un custe tan pequeno. A asociación tamén facilita e da máis oportunidades xa que conta co equipamento e todo o necesario para poder achegar á música as persoas con menos recursos.

Como trata a industria aos músicos emerxentes?
É un campo duro, non pola competencia pero a día de hoxe hai que estar moi pendente de ser visible, sobre todo en redes sociais. Hai que crear contido continuamente e hai que estar pendente das oportunidades que se poden presentar, xa sexan concursos, lugares onde tocar, etc.

Nós, ao levar pouco tempo cremos que somos un grupo que está aínda en crecemento, por iso non temos esa experiencia para poder falar de industria o que podemos asegurar é que por parte de Sarria e da contorna, como Lugo, estamos tendo moito apoio e bo recibimento.

Tamén creo que hai que poñer en valor a presenza das músicas no rock and roll.

Pódese vivir da música a día de hoxe?
Aínda que nos gustaría creemos que é moi difícil vivir da música. Cada un de nós ten o seu traballo, non nos dedicamos enteiramente a isto. O esforzo que xa se fai é bastante grande pero depéndese de moitos factores externos para poder vivir disto. Tampouco aspiramos a iso, simplemente poder seguir desfrutando, crecendo e compoñendo pero sendo realistas.

Tivo algunha repercusión en vos o éxito das Tanxugueiras?
A nós o éxito das Tanxugueiras non nos influíu de maneira directa, pensamos que por dúas razóns, primeiro porque facemos rock and roll e segundo porque non facemos temas en galego. Por suposto que as apoiamos un montón e eu persoalmente teño unha parte folclórica, nacín no folclore galego e estamos moi contentos de que chegaran ata alí co que representan.

Credes que pode ser unha oportunidade para achegar a cultura galega, a lingua e a música ao panorama nacional?
Totalmente. Incluso me atrevo a dicir que nin faría falta que houberan gañado para ir a Benidorm, o éxito xa o teñen máis que acadado. É un antes e un despois que se ve reflectido no “boom” de festivais que van percorrer durante esta temporada por todo o panorama nacional.

Para a curta traxectoria do grupo xa actuástedes en grandes escenarios como o do San Froilán ou o do Festival Noroeste, cal é a seguinte gran cita que tedes na axenda?
De momento non podemos revelar nada pero estamos intentando movernos para tocar nalgún dos festivais con máis historia de aquí de Galicia.

Cal foi o momento máis especial do grupo?
O momento máis especial sen dúbida foi o Noroeste, eu de feito cando vin o cartel publicado púxenme a chorar, ver o nome do teu grupo compartindo escenario con estrelas tan grandes foi un soño cumprido. Levábamos un ano de vida e é difícil para os grupos lucenses chegar ou ter as conexións para acadar grandes proxectos. Os grupos de Santiago de Compostela, Coruña ou Vigo teñen máis facilidades ao ter máis opcións de onde tocar. Os grupos de aquí precisan facer un dobre esforzo.

Cal é a vosa canción favorita das vosas e por que?
En canto as cancións favoritas non podemos escoller unha. Eu poñería tres, a primeira Born sister que foi o primeiro tema que compuxemos, normalmente tocámola de último nas nosas actuacións e témoslle un cariño especial porque representa o paso á composición. O momento de compoñer foi un proceso ao que eu persoalmente tiña bastante medo, eu son a letrista e pensaba que non sería capaz, unha vez escribín a primeira funlle collendo o gusto e agora encántame.

Tamén nos gusta moito Wild Life pola acollida do público, a raíz de levar preto de dous anos facendo música, sabemos que hai xente que polo menos o retrouso xa lle soa e o canta con nós. Isto é moi bonito.

Por último No more que é a canción do vídeo que sacamos no mes de febreiro, é o primeiro tema do que temos un vídeo, a nivel son ou estilo é a canción con máis garra do noso repertorio de temas propios.

Quenes son os vosos referentes?
Referentes temos moitos, cada persoa do grupo ten os seus propios. Por exemplo Tomi, é un apaixonado de Jimmy Hendrix e de grupos de rock nacional como Heroes del Silencio, eu admiro a Beyonce e grupos como Aurora & The Betrayers, a Olalla gústalle moito Pink Floyd, Parcels e músicas latinoamericanas, Morris é máis de punk mentres que o noso novo batería, Chema, é de heavy metal pero sempre chegamos a un punto común .

Fai pouco lanzástedes o voso primeiro videoclip cal foi a acollida do mesmo?
Houbo interese, as críticas foron moi boas e tamén se fixeron eco os medios de comunicación. Esperamos que siga medrando.

Como é o proceso de creación dunha das vosas cancións? Reunídesvos todos xuntos, alguén fai a letra, outro a música e xúntase? Como o facedes?
Depende da canción pero, normalmente, empezamos cun rif de guitarra ou piano de Olalla e a partir de aí construímos. Creemos que como mellor funcionamos é estando todos xuntos.

As vosas cancións teñen a letra en inglés? Isto é por algún motivo en especial? Plantexades algún tema en castelán ou galego a curto prazo?
Eu son a letrista e fixen filoloxía inglesa entón sempre me sentín moi cómoda nese idioma. De toda a vida escoitei moita música en inglés, aínda que son pandeireteira. Escribindo en inglés síntome máis segura.

Á hora de escribir en galego ou castelán non é unha idea que estea desbotada pero de momento non está dentro dos plans a curto prazo. Se facemos algún tema de denuncia social podería quedar ben facelo en galego.

Cal foi a maior dificultade á que vos tivestedes que afrontar?
Foron dúas, a primeira a pandemia e o feito de ter sido un grupo nacido en pandemia, sobre todo nos paróns largos de ensaios que atrasaban todo o proceso.

O tema do batería tamén foi unha gran dificultade. O noso antigo batería Brandan, o que empezou con nós, é artista de circo, é clown e tivo que deixar o grupo porque lle resultaba incompatible ao cambiar de localidade cada pouco tempo co circo. O momento de estar sen membro do grupo, buscar outro, paralizar os ensaios, tamén foi agonizante.

Agora estamos con Chema que é o novo batería e o que temos que facer é ensaiar e prepararnos para o verán.

Que novos proxectos tedes entre mans?
Agora mesmo a parte de ver si sae algún festival onde tocar, temos a rodaxe dun videoclip que faremos en marzo do tema Wild Life.

Ademais, presentámonos ao concurso Rock in Río Tea tendo a primeira fase o vindeiro 9 de abril.

Que é o que máis desfrutades da música? A creación, os ensaios, os concertos…?
O directo, os concertos. Os ensaios e a preparación son necesarios para desfrutar dos concertos e que a xente desfrute contigo. Iso é incalculable. O sitio ou a afluencia de público danos igual, o aplauso que se recibe emociona.