Skip to main content
Sarria

O Buril acolle tres eventos este mes de abril

Por 8 Abril, 2022Sin comentarios

A Asociación Cultural O Buril acollerá no mes de abril tres grandes eventos. A proxección dun documental e dous concertos encheran de vida e música o local social.

O primeiro evento será a presentación do documental Una orquesta armada ¿puede la música cambier el mundo?, proxectarase e posteriormente haberá un coloquio co director. Esta cita terá lugar o 14 de abril ás 21.30 horas na travesía Mueblenorte de Sarria. A entrada será libre ata completar aforo.

A través de declaracións e actuacións dun crisol de músicos desgránanse descoñecidos e emocionantes episodios da historia nos que a música se mostrou como o que realmente é: un arma, unha ferramenta para transformarse e facer do mundo un lugar mellor.

A seguinte data a gardar sería o 23 de abril xa que Doctor Snob ofrecerá un concerto ás 22.00 horas. A entrada terá un custe de 5 euros en taquilla. A agrupación naceu na Coruña como continuación de Los Náufragos que levaban funcionando desde 1989, tras unha división interna do grupo e despois de esclarecer que o seu nome xa estaba rexistrado. O estilo segue sendo rock con pequenos toques de pop-rock español.

Para finalizar os eventos do mes, o 30 de abril, Correcaminos Rock and Roll Band ofrecerá un concerto que terá un prezo de 8 euros anticipada e 10 euros en taquilla. A apertura de portas será ás 22.30 horas e o concerto comezará media hora máis tarde, ás 23.00 horas. A banda de Rock & Roll de larga traxectoria está composta polos tres irmáns Gómez: José, Rubén e Víctor e como outro irmán máis Adolfo García. O rockabilly, o country rock e o surf son as paixóns que unen a esta banda.