Skip to main content
Sarria

O BNG valorou a situación do sector da gandaría vacún de leite e carne en Sarria

Por 9 Abril, 2022Abril 10th, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego celebrou en Sarria un acto público no que se valorou a situación actual do sector da gandaría vacún, tanto de leite como da carne.

Contou coas intervencións de Xosé Luis Rivas “Mini”, deputado no Parlamento galego, Elías Somoza, gandeiro e coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (FRUGA) e Efrén Castro, concelleiro e portavoz municipal do BNG en Sarria.

O encarecemento das materias primas e a falta de prezos xustos na produción gandeira están a provocar que moitas explotacións se atopen ao borde do colapso. Por isto, o BNG aposta polo impulso de medidas para o sector de xeito inmediato, como a aplicación dun gasóleo profesional libre de impostos, unha moratoria de dous anos nos prestamos das explotacións ou a condonación da seguridade social durante un ano.

Mais tamén, medidas de carácter estrutural, como mudar a Lei da Cadea Alimentaria para establecer custos de produción de xeito obxectivo, a mobilización da terra abandonada e a súa recuperación como terra de cultivo ou a modificación da PAC para establecer axudas vinculadas á produción.

O deputado Xosé Luis Rivas “Mini” declarou “hai que activar as zonas deprimidas, abandonadas e despoboadas para que volvan a ter actividade agro-gandeira, e así, poderemos fixar poboación, reactivar a economía e soster a necesaria soberanía alimentaria”

Así, o deputado do BNG destacou a necesidade de afondar nas mesas de diálogo para garantir prezos xustos “para garantir o desenvolvemento económico-social dos diferentes sectores produtivos do noso rural, é preciso que se xunten os axentes da cadea de produción nunha mesa de diálogo para que se establezan criterios e se aseguren ganancias”