Skip to main content
Sarria

A CHMS investirá 850.000 na rehabilitación da Ponte Ribeira de Sarria

Por 14 Abril, 2022Sin comentarios

A derradeira xunta de goberno de Sarria aprobou un acordo coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) cun importe de 850.000 euros para rehabilitar e volver a poñer en valor a antiga Ponte Ribeira.

Fai case un ano, en maio de 2021, a Confederación hidrográfica contratou un estudo de alternativas para a rehabilitación desta infraestrutura co fin de deixar libre a ponte dos engadidos que se lle outorgaron ao longo do tempo, deixando o elemento patrimonial o máis harmónico e orixinal posible. Deste estudo saíron tres proxectos e escolleuse un de maneira coordinada co Concello e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Tras o estudo de alternativas ven a redacción do proxecto definitivo do que sairá a licitación da obra que será financiada polo CHMS.

O Concello aposta polo acondicionamento desta ponte e a habilitación dunha segunda infraestrutura para o paso de vehículos.

Mentres este proxecto segue cos procesos administrativos, estase a construír unha pasarela metálica provisional que permitirá o paso de peóns e vehículos. A instalación desta ponte metálica comezou a principios de ano, e prevíase que estivera lista para febreiro, coa colocación das varandas, tan só quedaría pendente o asfaltado, o pintado, a instalación dun semáforo e as luminarias.

Con esta nova infraestrutura poderá reabrirse o viaduto tras máis de sete anos cortado tanto para os peóns como para os vehículos. O custe desta pasarela ascende a 109.810 euros máis 17.375 que irán destinados ao acondicionamento da contorna. O financiamento corre a cargo dunha axuda de 150.000 euros da Deputación de Lugo.

Esta pasarela será de carácter provisional mentres se rehabilita a Ponte Ribeira, un paso que forma parte das 10 pontes francas que se atopan no Camiño Francés, desde Roncesvalles a Santiago. É unha infraestrutura que forma parte tamén do arraigamento dos sarriáns e dos galegos en xeral, dende hai séculos, ao tránsito de peregrinos pola xeografía da vila ata completar o Camiño.