Skip to main content

Por Moncho Paz

A finais do século pasado, aparecía un termo que xerou controversia dende aquela: globalización, para referirse a un proceso económico, tecnolóxico, político, social e cultural a escala mundial, baseado na crecente comunicación e interdependencia entre os distintos países, unindo os seus mercados a través dunha serie de transformacións sociais e políticas que lles brindarían un carácter global. A sociedade, de súpeto, abría as súas portas á revolución informática, chegando a un nivel de liberalización salvaxe no terreo ideolóxico, no ordenamento xurídico e nas relacións internacionais.

Dous xornalistas e pensadores galegos -Ramón Chao e Ignacio Ramonet- advertían naquel tempo dos riscos da globalización, “que acaba con todo” -dicían-, entre outras cousas, coa prensa, “que pasará a estar controlada polo poder económico e polas grandes multinacionais”. E moita xente non soubo interpretar o discurso, que non era catastrofista, senón mais ben pesimista coa realidade do momento e, sobre todo, inconformista.

Así xurdiu o movemento ATTAC -Asociación pola Taxación das Transaccións financeiras e de Axuda aos Cidadáns- en 1998, logo da publicación dun editorial de Le Monde Diplomatique titulado “Desarmar os mercados”. A globalización estaba a construir un “Estado” propio, co seu aparello, redes de influencia e medios completamente independentes da sociedade, e actuaba desestruturando as economías nacionais, desprezando os principios democráticos, presionando aos países, e esixindo máis e máis beneficios, mentres se incrementaba a desigualdade.

Nestas semanas asistimos ás consecuencias da globalización. Deixemos de rosmar, pois estabamos avisados polos voceiros altermundialistas, que nos  alertaron dos danos colaterais do neoliberalismo -como a externalización ou a deslocalización- e nos animaron no seu día a pensar en solucións ecolóxicas e democráticas, co obxectivo de garantir os dereitos fundamentais da cidadanía. Neste novo escenario, agora vemos como a protesta dos transportistas ameaza con enquistarse; os paros, que arrincaron a mediados de marzo, lonxe de disiparse, medran. E os efectos percíbense nos estantes dalgúns establecementos, onde quedaron baleiras as zonas de produtos coma o leite e os frescos. Tamén asoman os problemas de abastecemento en fábricas, industrias e plataformas de construción. A oferta inicial do goberno, cun paquete de subvencións de cincocentos millóns para o gasóleo dos profesionais, non convenceu a boa parte das patronais que agrupan a autónomos e pemes, nin tampouco á plataforma de camioneiros que convocou a folga, e finalmente rematou en mil douscentos millóns. E ante a repercusión no consumo, supermercados, grandes superficies e fabricantes piden unha saída a esta crise, que golpea as súas contas e pon en risco miles de empregos. Un panorama desolador. Por sorte e grazas a unha boa negociación política, menos mal que conseguimos o recoñecemento europeo de España e Portugal como “illa enerxética”.

Se algo sorprendeu durante as semanas de folga é que os problemas concentráronse fundamentalmente en Galicia, epicentro das mobilizacións de transportistas. A explicación vén polo peso que ten aquí o sector primario. Tanto a pesca coma o sector lácteo da nosa terra teñen unha importancia vital para fornecer de materia prima ao resto do Estado. As principais organizacións dos sectores agrario e da alimentación pediron rematar a convocatoria coa máxima urxencia, ao considerar que pon en risco o abastecemento de produtos, así como a continuidade de miles de negocios. Os problemas de desfornecemento en sectores como a automoción e a construción, asociados onte á pandemia e hoxe á guerra en Ucraína, xunto coa folga de transportistas, provocaron paróns nas obras ao comezo desta primavera. Para evitar o colapso do sector, a patronal das empresas que fornecen os materiais para construción, rehabilitación e reforma xa reclamou un plan de choque que garanta a circulación nos puntos clave de provisión e asegure a distribución en fábricas e centros loxísticos. Co transporte paralizado, as familias sen poder facer fronte aos prezos da enerxía, as factorías paradas, as lonxas saturadas de peixe e o campo a piques de sucumbir, é urxente adoptar medidas que axuden a superar esta situación caótica “in crescendo”. Como xa fixeron Alemaña, Francia, Italia, Portugal, Bélxica, Irlanda ou Polonia.

Estamos a vivir o fin da globalización, que nos acompañou durante tres décadas e que se confirmou coa caída da Unión Soviética e o remate da Guerra Fría. Chega unha nova orde mundial (no económico, no social, no político e, por suposto, no eido xeoestratéxico), que require novas ideas e novos proxectos, que pasarán -irremediablemente- pola reactivación do mercado local. A preservación do planeta non virá do progreso tecnolóxico nin do mercantilismo dos recursos naturais, senón dunha redefinición radical do desenvolvemento en ruptura co produtivismo e co consumismo. Porque outro mundo é posible!!!