Skip to main content
Abadín

O PSOE de Abadín critica ao alcalde “por non debater no pleno ningunha iniciativa socialista”

Por 6 Abril, 2022Sin comentarios

O voceiro socialista de Abadín, Pablo Díaz criticou o “talante antidemocrático” do alcalde e de todo o seu goberno, “xa que foi incapaz de debater unha soa proposta socialista na pasada sesión plenaria”.

“Coñecer as previsións sobre o investimento do Plan Único da Deputación de 337.055 euros, promover axudas para o pago do recibo da luz ou dar solución aos problemas de recepción do sinal da TV nas nosas parroquias non son unha prioridade para o PP de Abadín, como así quedou demostrado na sesión plenaria celebrada a semana pasada. Ante todas estas demandas presentadas polo Grupo Socialista o único que fixo o Alcalde foi calar e mirar cara outro lado, solucións cero”, dixo.

Pablo Díaz engadiu que Rancaño “non permitiu o uso da palabra para debater as propostas que presentamos no pleno, e tampouco contestou as numerosas preguntas formuladas e rexistradas pendentes de plenos anteriores. Polo tanto, consideramos unha falta de respecto esta actitude de ninguneo, non só de cara a oposición, senón tamén de cara a veciñanza que non poden coñecer cuestións municipais actuais que son de interese para todos e todas”, advirte.

O voceiro socialista emprazou ao alcalde e o seu equipo “a cambiar esta actitude completamente déspota sobre as propostas que fai a oposición nas sesións plenarias. Deberían ler as nosas iniciativas para comprobar que son propostas en positivo que redundan na mellora da calidade de vida da veciñanza así como na mellora e dotación dos nosos servicios públicos”, insistiu.

“Por iso queremos remarcar que dende o PSdeG vamos a seguir traballando como ata de agora polo futuro de Abadín, non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres perdemos servizos. A veciñanza quere explicacións sobre onde gasta o Concello os nosos impostos, e por iso, vamos a seguir preguntando para saber que pasa no noso Concello. Abadín merece un futuro mellor que non estea lastrado pola inacción constante do Goberno do PP”, resumiu Pablo Díaz.