Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Xunta destina 6,5 millóns á mellora dos servizos públicos con sistemas non tripulados

Por 22 Abril, 2022Abril 23rd, 2022Sin comentarios

A Xunta, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, activa unha nova licitación no marco do Polo Aeroespacial de Galicia para o desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras aplicadas ás emerxencias sanitarias e sociais e á xestión forestal e dos recursos mariños. Impulsarase a compra de solucións moi próximas ao mercado para a súa incorporación a curto prazo á carteira de servizos da Administración autonómica.

Galicia avanza na incorporación de tecnoloxías de sistemas non tripulados aos servizos públicos cunha nova licitación, no marco do Polo Aeroespacial galego, na que se investirán preto de 6,5 millóns de euros no desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras aplicadas ás emerxencias sanitarias e sociais, así como á xestión forestal e dos recursos mariños.

O Goberno galego busca impulsar a compra inmediata de solucións innovadoras moi próximas ao mercado e, polo tanto, tecnoloxías que teñan a posibilidade de desenvolverse en menos de 12 meses, que poden partir de resultados intermedios do período anterior do Polo Aeroespacial de Galicia ou doutros avances tecnolóxicos, para a súa incorporación a curto prazo á carteira de servizos da Xunta de Galicia.

A fórmula da licitación, que se publicará na plataforma de contratos da Xunta a final deste mes de abril, será a Asociación para a Innovación, un procedemento que permite combinar na mesma contratación a investigación, a innovación e a contratación pública. Deste xeito, a Vicepresidencia Segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, consegue un dobre obxectivo. Por un lado, mellorar a eficiencia dos servizos públicos e, por outro, validar, testar e ser o primeiro cliente das solucións e produtos desenvolvidos polas empresas e centros de coñecemento, permitíndolles no futuro un mellor posicionamento no mercado global e apoiando de forma específica as pequenas e medianas empresas.

Os proxectos, que serán financiados con fondos React-EU e fondos propios da Administración autonómica, deberán centrarse, en concreto, no desenvolvemento e adquisición de solucións innovadoras por medio de vehículos non tripulados (UAVs) para a atención sanitaria urxente no Camiño de Santiago; a monitoraxe de zonas forestais para a prevención, extinción de incendios e restauración post-incendios; a inspección e vixilancia pesqueira, marisqueira e acuícola; a localización de persoas extraviadas; e para a análise de poboacións de sementes de mexillón e especies cohabitantes.

Coa licitación que hoxe se aprobou no Consello da Xunta, o Polo Aeroespacial de Galicia continuará promovendo a colaboración público-privada no eido da innovación e da industria, co obxectivo de impulsar a participación fundamentalmente de pemes e dos centros de coñecemento no desenvolvemento de solucións innovadoras.

Solucións que xa se están despregando

Adicionalmente a esta nova licitación de 6,5M€, xa se destinan neste momento 2,9 millóns de euros a solucións tecnolóxicas que se están despregando e incorporando na operativa dos servizos públicos da Xunta de Galicia e que se enmarcan dentro do primeiro período do Polo Aeroespacial.

Entre estas solucións xa en marcha con vehículos non tripulados, están as mostraxes de augas marítimas costeiras e de augas interiores; inventario forestal e detección de afectacións por pragas forestais; ou solucións no eido da cartografía ou nos usos do solo en Galicia.

Nova fase ata 2025

Galicia xa ten en execución 84 millóns de euros de fondos públicos no Polo Aeroespacial, dentro da nova estratexia aprobada o ano pasado e que aspira a mobilizar un total de 540 millóns de euros ata 2025 entre investimentos públicos e privados, condicionado sempre a que o Goberno teña en conta o proxecto galego no reparto dos fondos europeos. Así, estase contribuíndo ao desenvolvemento industrial da Comunidade, ao fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras e á creación de emprego de calidade, podendo acadar ata os 3000 postos de traballo.

Entre as medidas que xa están en marcha, atópase a licitación para atraer á Comunidade entre catro e oito empresas tractoras do sector para apoiar arredor de 80 proxectos de I+D cos que desenvolver novas solucións con vehículos non tripulados. Esta iniciativa contaba cun orzamento inicial de 40 millóns de euros, que veñen de ampliarse ata os 52,34M€ ao sumar os 12,34 millóns obtidos no Plan complementario de I+D+i de Biodiversidade do Estado -ligado ao mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea.

As empresas que aspiran a converterse nos novos socios estratéxicos da Xunta de Galicia son Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit, e prevese pechar a selección no próximo mes de maio.

Tamén se adxudicou xa por 12,75 millóns de euros o proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space, que se desenvolverá no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha licitación lanzada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e adxudicada a Indra e Boeing.

Por outra banda, no eido do impulso ao talento, lanzaranse proximamente novas convocatorias da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), así como continuarase co desenvolvemento de diferentes actividades de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas orientadas ao sector aeroespacial.

Con todas estas iniciativas en marcha, o Polo Aeroespacial de Galicia contribuirá á recuperación económica galega, aliñándose, ademais, coas metas a nivel estatal e europeo deste período co obxectivo de crear riqueza non só a curto prazo, senón para crear as tecnoloxías, mercados e empregos do futuro.

Capacidade transformadora

O Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa estratéxica con gran capacidade transformadora e importantes resultados logrados no período 2015-2020. Entre as cifras máis destacadas, 164 millóns de euros de investimento público-privado mobilizados; máis de 900 profesionais; 60 solucións tecnolóxicas e produtos no mercado dun total de 655 resultados obtidos; e a creación de 24 novas empresas (5 xeradas en Galicia por actores da industria e 19 proxectos empresariais creados ou acelerados a través da Business Factory Aero).

Nos cinco primeiros anos do Polo Aeroespacial de Galicia, os socios estratéxicos e tecnolóxicos da Xunta foron as empresas Babcock, Boeing e Indra. Estas tres compañías investiron en Galicia 78 millóns de euros, actuaron como tractoras do tecido empresarial e tecnolóxico galego e consolidaron a súa presenza na Comunidade coa construción dos hangares de Indra e Babcock no Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas (Castro de Rei, Lugo) ou a primeira Aula Newton permanente de España promovida por Boeing na Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense).