Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Rozas acolle un concurso de proxectos de estudantes do programa Cansat

Por 29 Abril, 2022Sin comentarios

Arredor de 70 estudantes de oito centros educativos de Galicia déronse cita durante a xornada de onte nas instalacións do centro de investigación aeroportada de Rozas (CIAR), para participar na fase galega do certame de proxectos espaciais CanSat, unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que os alumnos realizan unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos.

A Xunta de Galicia apoia por terceiro ano consecutivo a organización da fase galega desta xornada da cal sairán os representantes que acudirán á competición a nivel estatal.

Concretamente, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, -a través da Axencia Galega de Innovación- apoia a fase rexional de CanSat no marco do seu programa de vocacións científico-tecnolóxicas Voando alto, sumando vocacións, que ten por obxectivo impulsar novas vocacións no sector aeroespacial, fundamentalmente entre as nenas, e captar e reter talento. Contempla actividades como a Aula Newton Permanente de Tecnópole, un certame creativo dirixido a centros de Educación Infantil e Primaria ou obradoiros e visitas guiadas ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas e ao Parque Tecnolóxico e Industrial de Rozas, entre outras.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade apoia o impulso tecnolóxico e dixital nos centros educativos a través de programas e dotación específica como os Polos Creativos que se van impulsar ao abeiro da Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cun investimento de 8M€.

Proxecto real dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento

Os participantes estiveron desde primeira hora da mañá preparando a súas correspondentes actuacións que inclúen a instalación do espazo de traballo, a preparación do CanSat e os lanzamentos e a presentación dos resultados obtidos dese lanzamento a partir dos cales o xurado emitirá o seu veredicto.

Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación lánzase o CanSat a unha altura aproximada dun quilómetro e déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cautivo, un cohete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterrizaxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.

Centros participantes

Os centros participantes son o CPI Poeta Uxío Novoneyra (Pedrafita do Cebreiro), o IES Breamo (Pontedeume), o IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo), IES Rafael Dieste (A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Ramón Caamaño (Muxía), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), Colexio de Fomento Montecastelo e Acacias (Vigo).

Xa pola tarde, unha vez rematados os lanzamentos, o xurado avaliou os resultados e procederase á entrega dos cinco premios establecidos. 

O centro de Vigo Montecastelo SAT foi o gañador da xornada e acudirá a finais de maio á final estatal. Tamén recibiu un accesit no premio ao mellor logro técnico, que recaeu no IES de Pontedeume. Estes tamén se levaron o premio á mellor difusión con accesit para o de Culleredo.

O último galardón, o de misión científica destacada recaeu no de Caldas de Reis con accesit para os dous centros da Coruña.