Skip to main content
Cospeito

Alberto Sotillos volverá a Muimenta como pregoeiro da XXXI Festa da Filloa

Por 17 Abril, 2022Sin comentarios

A Festa da Filloa de Muimenta, Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrarase como é habitual, o vindeiro primeiro de maio e retoma a súa celebración presencial no Recinto Feiral Manuel Vila López de Muimenta, para celebrar os trinta anos dende o seu nacemento.

Así mesmo, dende a organización comunicaron que o pregoeiro desta edición será o escritor, sociólogo, consultor, analista, asesor e comentarista político, Alberto Sotillos Villalobos, que xa ía ser o pregoeiro da edición que estaba prevista no ano 2020, ao ser cancelada polo Estado de Alarma, mantivo o seu compromiso coa Festa de Interese Turístico de Galicia e comprometeuse con vir a Muimenta, cando puidera celebrarse en condición normais.

Na última edición presencial, o pregoeiro foi Francisco López, copropietario do Restaurante España da capital de provincia.

A organización da Festa da Filloa recae na Asociación de Empresarios de Muimenta, a través das comisións da Moexmu, e colaboran o Concello de Cospeito, a Deputación Provincial de Lugo, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, Abanca Corporación Bancaria, S.A. e numerosas empresas e particulares.

A Deputación de Lugo apoia esta festa gastronómica que se celebra dende o ano 1992 e que significa toda unha xornada de convivencia entre a veciñanza e persoas que se achegan ata esta parroquia de Cospeito para renderse a este produto típico galego que elaboran filloeiros filloeiras de todas as xeracións.

CONCURSO

Últimos días para que os máis novos entreguen os seus traballos de debuxo e relato da Filloa, teñen ata o 21 de abril (para entregar nos seus centros educativos) e ata o martes 26 (nas oficinas da MOEXMU). Os premios son patrocinados pola propia comisión, a USC., o Concello de Cospeito, Deputación de Lugo e a Delegación Provincial da Xunta de Galicia en Lugo.