Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

O GDR4 coordina un proxecto europeo para o desenvolvemento rural

Por 1 Abril, 2022Sin comentarios

Esta semana o GDR 4 – ADR Comarca de Lugo acolleu na súa sede en Friol aos participantes do proxecto Erasmus+ KA220 Rural Plus os cales son: Nouseva Rannikkoseutu (Finlandia), IPN INCUBADORA – Associacao para o Desenvolvimento de Actividades de Incubacao de Ideias e Empresas (Portugal), University of Cyprus (Chipre), Associazione Culturale Enjoy Sicily (Italia) e a Asociación Cultural Ingalicia (España) para o seu primeiro encontro presencial deste proxecto, do que é coordinador o GDR 4.

O proxecto Rural Plus é un proxecto de cooperación cunha duración de 2 anos que ten como obxectivo crear itinerarios de formación innovadores, baseados en experiencias de éxito, así como no desenvolvemento de metodoloxías que fomenten a participación, para que os mozos poidan desenvolver habilidades e destrezas acordes aos tempos, tendo acceso a unha serie de oportunidades como o sector TIC, que lles permitirá incrementar as súas oportunidades laborais así como poñer en marcha o seu propio negocio rural.

Por este motivo, en primeiro lugar realizarán un estudo de investigación a nivel europeo para pescudar cales son as principais necesidades das persoas que viven en áreas rurais, e logo deseñar a capacitación de itinerarios a partir das respostas ofrecidas polos propios mozos.

Grazas aos resultados deste estudo, poderán ofrecer unha resposta adecuada ás necesidades das persoas que viven nas zonas rurais, en forma de ferramentas e metodoloxías efectivas que estimulen e fomenten a participación, á vez que potencie e mellore as competencias  profesionais.

Por tanto, os obxectivos principais serían:

  • Mellorar o coñecemento e a comunicación para crear unha rede de mentores capaces de comunicar as políticas da UE
  • Reducir o déficit tecnolóxico e a barreira participativa
  • Ofrecer oportunidades de formación de calidade que  empoderen aos mozos e adultos, así como xerar espazos de participación cidadá a través de canles de comunicación como a radio, redes sociais, blogues e boletíns
  • Impulsar a inclusión de mozas e mulleres no mundo rural
  • Contribuír a crear contornas urbano-rurais máis cooperativos e funcionais que permitan mellorar a economía do medio rural, aumentar a súa poboación e permitir así a reactivación de servizos esenciais como educación, saúde e transporte

O proxecto irá dirixido a varios colectivos, principalmente a mozos e adultos (tamén mentores e  formadores), pero tamén persoas con menos oportunidades, mulleres e mozos desempregados e traballadores con baixa cualificación.

O presidente da Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo e alcalde de Friol, José Ángel Santos, visitou estos días aos socios do proxecto para coñecelos en primeira persoa e darlles a benvida ao municipio así como ánimalos e apoialos para que o proxecto sexa todo un éxito.