Skip to main content
Guitiriz

Recuperan este sábado a Guitiriz Termal cunha participación de 300 persoas

Por 1 Abril, 2022Abril 2nd, 2022Sin comentarios

Por cada inscrición donarase como mínimo 1 euro a Somos unidos por el cáncer e habilitouse unha Fila 0 para que quen o desexe poida facer o seu donativo.

A XII Carreira popular Guitiriz Termal volve este sábado, 2 de abril, de xeito presencial e farao por todo o alto. Son 307 as persoas que se darán cita neste evento, que unha vez máis terá carácter solidario co obxectivo de recadar fondos para doalos a Somos unidos por el Cáncer, unha asociación fundada por un grupo de nais e pais con fillos (nenos e adolescentes) enfermos de cáncer e que traballa para axudalos a eles e á súa contorna.

A proba foi presentada hoxe de xeito oficial na Casa Habanera por parte da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, do concelleiro de Deportes, Iván Morado, do atleta local, Toño Teijido, que colabora co Concello na organización, e da secretaria de Somos unidos por el Cáncer, Marián Pérez, nun acto que presidiron os novos trofeos deseñados para a ocasión e a camiseta que se lles entregará a todos os participantes.

En todas as inscricións de pago realizadas (para os menores é gratuíto) doarase, como mínimo, 1 euro a Somos unidos por el cáncer. Ademais, na páxina web habilitouse unha categoría ‘Fila 0’ para que calquera persoa que o desexe, participe ou non na carreira, poida facer o seu donativo á asociación.

Aínda que as inscricións xa están pechadas, a Fila 0 segue activa para todos aqueles que queiran aportar o seu gran de area.

Marisol Morandeira explicou que “por fin, despois de 4 anos sen carreira popular, podemos retomala” e agradeceu a Toño Teijido “a súa colaboración, tanto para organizar este evento como polo que fai durante todo o ano nas escolas deportivas”. A rexedora destacou “o eido solidario da proba, que quizáis é o máis importante”.

Pola súa parte, Marián Pérez comentou que “para nosotros es muy importante la visibilidad que se nos da con este tipo de iniciativas, además de la recaudación, que se donará íntegramente para investigación ya que es el único modo de tener nuevos tratamientos y ayudar a mejorar la calidad de vida de las personas que padecen cáncer”. “Sin estos eventos sería imposible, gracias a todos los que participais y al Concello por tenernos siempre tan presentes”, afirmó.

Por último, Toño Teijido explicou o programa da proba e os diferentes percorridos das diferentes categorías de carreira e andaina, que cualificou “de baixa dificultade, totalmente de asfalto”. Tamén valorou o número de inscritos e agradeceu a “boa acollida que está a ter a carreira despois de 4 anos de parón”.

Carreira e andaina para todas as idades

A distancia a percorrer será de 5 quilómetros para a carreira en distancia absoluta e de 9 quilómetros para os que fagan a andaina. A partir das 15 horas realizarase a entrega de dorsais no Campo da Feira, onde teñen saída e chegada todas as probas.

A partir das 18 horas comezarán as carreiras das diferentes categorías: ás 18 horas será os biberóns (200 metros), ás 18:05 horas os Sub10 e Sub12 (800 metros), ás 18:15 horas os Sub14 e Sub16 (1.560 metros), ás 18:30 horas a absoluta (5.000 metros) e ás 19:15 horas está prevista a entrega de premios.

A organización habilitará duchas no pavillón municipal e aplicarase o protocolo covid vixente nese momento. Desde o Concello faise un especial agradecemento a entidades como Abanca ou Gadis que cederán produtos de avituallamento ou prendas de roupa como gorras, sombreiros, etc.