Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz cobrará unha taxa pola instalación de sistemas de transporte de enerxía

Por 13 Abril, 2022Sin comentarios

“O obxectivo é evitar que algunhas empresas se aproveiten dos recursos do noso territorio e non deixen beneficio para os veciños e veciñas de Guitiriz”, explica Marisol Morandeira.

O Concello de Guitiriz aprobou no último Pleno unha nova ordenanza reguladora da taxa pola instalación de sistemas de transporte de enerxía eléctrica, gas e hidrocarburos en dominio público.

O documento, que se publicou onte, martes 12 de abril, no Boletín Oficial da Provincia (BOP) estará a exposición pública e pode consultarse na Secretaría municipal durante 30 días, poden formularse as alegacións que se consideren oportunas.

Constitúen o feito impoñible desta taxa as instalacións de transporte de enerxía con todos os seus elementos indispensables (torres, transformadores, bombeo…) e as de gas, hidrocarburos e outros bens similares.

Como anexo da ordenanza incorpórase o cadro de tarifas que terán que asumir as persoas físicas ou xurídicas que executen este tipo de instalacións.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “o obxectivo é evitar que algunhas empresas se aproveiten dos moitos recursos que temos no noso territorio sen deixar beneficio algún para os veciños e veciñas de Guitiriz”.