Skip to main content
Meira

Unha delegación de Moaña visita Meira para poñer en marcha o irmandamento

Por 3 Abril, 2022Abril 4th, 2022Sin comentarios

A localidade de Meira acolleu este venres a visita dunha comitiva de Moaña, presidida pola súa alcaldesa, Leticia Santos, co fin de avanzar no programa para realizar o irmandamento entre as dúas localidades homónimas.

Na Meira luguesa a comitiva foi recibida polo alcalde en funcións, Aguntín Méndez; a técnica de turismo, tres edís e o párroco.

Foi esta a primeira reunión para traballar no proceso de irmandamento entre as dúas localidades do norte e o sur de Galicia. O obxectivo foi a posta en común das actividades que se poden realizar en cada vila dentro da cultura, o turismo e o deporte.

Tamén perfilaron intercambios, que teñen previsto promover e impulsar, en especial entre as bandas de música ou os grupos de baile, e fomentar a artesanía, a festa da malla e a organización de visitas guiadas ao mosteiro e aos molinos con vivenda. Tamén pretenden fomentar as rutas polos ríos, xornadas de xogos populares, campamentos de verán e rutas de senderismo.

O primeiro contacto entre as dúas vilas foi cando o alcalde da Meira luguesa, Antonio de Dios, foi invitado a participar nas festas de Moaña de 2018. Ao ano seguinte unha delegación devolveu a visita e comezou o proceso para celebrar este irmandamento.