Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

A Xunta autoriza a obra de mellora da rede de abastecemento en Outeiro de Rei

Por 9 Abril, 2022Abril 10th, 2022Sin comentarios

Ampliarase a rede existente, conectándoa a través dun novo ramal coa zona do polígono industrial da Matela, pasando baixo a autovía A-6. A Xunta achegará o 80% do orzamento, 160.000 euros, e executará as obras, mentres que o Concello de Outeiro de Rei contribuirá co 20% restante.

O Consello da Xunta autorizou onte a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Outeiro de Rei para a execución da segunda fase da mellora da rede de abastecemento municipal, que suporá un investimento de 200.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executará as obras e contribuirá ao financiamento das actuacións co 80% do orzamento, destinando 160.000 euros. O Concello achegará o 20% restante. A actuación será cofinanciada pola Unión Europea a través do fondo comunitario Feader.

O obxecto desta colaboración é executar as obras de ampliación da rede existente, conectándoa a través dun novo ramal coa zona do polígono industrial da Matela, pasando baixo a autovía A-6.

Na actualidade, o concello de Outeiro de Rei dispón dunha estación de auga potable, ampliada en dúas ocasións cunha capacidade de tratamento 300m3/h, e dous depósitos de cabeceira de 1000 m3 e 2700 m3 de capacidade que forman de forma solidaria.

A primeira fase, executada no ano 2019 cun investimento de case 500.000 euros, fíxose co obxectivo de ampliar a rede de abastecemento, conectando a rede de distribución que actualmente se alimenta mediante unha tubaxe que vai desde o depósito de cabeceira ata o polígono industrial de Matela coa rede que se abastece da estación de tratamento de auga potable.

As obras consistiron na execución dun ramal principal, cunha lonxitude de algo máis de 3 quilómetros de tubaxe. Na actuación leváronse a cabo dous cruzamentos subterráneos no río Miño e na N-VI que se realizaron mediante perforación dirixida.

A 2ª fase das obras, obxecto do convenio autorizado hoxe polo Goberno galego, complementarán esta primeira intervención co obxectivo de reforzar a rede de abastecemento existente, xa que presenta problemas en canto a presións e caudais dispoñibles para abastecer a demanda actual e futura.

Para iso proxéctase a ampliación da rede, mediante a instalación dun ramal en tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, que contará cunha lonxitude total de 620 metros que conectará coa rede existente na zona do polígono industrial da Matela, pasando baixo a autovía A-6.

As obras proxectadas darán servizo a unha poboación de 1.485 habitantes, ao parque empresarial da Matela e ao gando da zona, no ano horizonte de 2046.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.