Skip to main content
A Pastoriza

Todo listo para o comezo da celebración da Festa da Bola de Liscos e Freces de Bretoña

Por 21 Abril, 2022Abril 22nd, 2022Sin comentarios

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este mércores no Pazo de San Marcos a XI Festa da Bola de Liscos e Freces de Bretoña, que se celebrará este domingo, 24 de abril, no concello da Pastoriza. A institución provincial colabora coa celebración desta cita cunha achega de 3.000 euros, que permitirá dar a coñecer este dous produtos típicos da zona a veciños e veciñas e visitantes.

No acto de presentación participou o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, e a representante da Asociación de Amigos da Feira de Bretoña, Carina Iglesias, encargados de organizar esta cita.

García Porto subliñou que esta festa “achega ao rural lucense a numeroso público e, deste xeito, axuda a dinamizar a actividade social e económica da localidade e da súa comarca”, sinalando que a colaboración da Deputación de Lugo con esta festa enmárcase “dentro do noso compromiso por apoiar ó tecido produtivo da provincia de Lugo, promovendo e poñendo en valor un dos nosos principais recursos, como son os nosos produtos e a nosa gastronomía, tan variados e de tanta calidade”.

Así mesmo, recordou que o Plan de Impulso de Economía da Provincia que puxo en marcha a institución provincial “contribúe a paliar os efectos da pandemia nos sectores produtivos, porque as pemes e os autónomos son os que manteñen a actividade económica no rural”. A Deputación colabora con iniciativas como a Festa da Bola de Liscos e Freces para atraer un turismo de calidade e sostible que favorece o desenvolvemento equilibrado do territorio.

Festa gastronómica

Os organizadores estiman que se repartirán medio millar de racións na Festa da Bola de Liscos e Freces. Dende a asociación pastoricense destacan que esta cita permite que a veciñanza recolla os produtos e os deguste na súa casa pero, tamén, poden probarse no espazo destinado para a cata con mesas e actividades lúdicas.

García Porto destacou que “A Pastoriza será parada para moitos veciños e veciñas da provincia e de fóra dela, que se animarán a probar estes dous pratos típicos da zona, feitos para o gusto de todos os padais: os que prefiran salgado, optando polas bolas de liscos, e os que sexan máis lambóns sempre poden saborear as freces”.

A deputada rematou o acto de presentación animando á veciñanza da provincia “a achegarse este domingo a Bretoña para degustar estes dous produtos e, ó mesmo tempo, para gozar da natureza, do patrimonio e da xente da Pastoriza”.