Skip to main content
As Pontes

“Toda iniciativa que teña que ver coa divulgación e educación en temas de igualdade é moi importante”

Por 4 Abril, 2022Abril 5th, 2022Sin comentarios

Carla Alvariño e a gañadora do primeiro premio no certame As Pontes pola igualdade.

Carla Alvariño Fernández (As Pontes, 2000) obtivo o primeiro premio do certame As Pontes pola igualdade, que instaba á cidadanía local a subir vídeos a TikTok pola igualdade de xénero con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Agora a súa peza opta aos premios nacionais da iniciativa Rodando pola igualdade (dotados con 1.000, 500, 400, 300 e 200 euros), polos que compiten os vídeos gañadores dos máis de 30 certames que forman o proxecto e que están distribuídos por todo o noso país.

Antes de que se coñeza o palmarés nacional, o xoves 31 de marzo, atendeu ás preguntas da organización de Rodando pola igualdade.

Parabéns polo primeiro premio do certame. Como recibiches a noticia? Que sentiches ao coñecer que a túa obra obtivera o primeiro premio?

Antes de nada, moitísimas grazas! Foi Tania Pardo, concelleira de Igualdade, quen se puxo en contacto comigo para darme a noticia e a verdade é que me sorprendeu e alegrou moito.

De onde xurdiu a idea do vídeo? Contaches con algunha colaboración ao realizalo?

O que decidín facer para o vídeo foi gravar unha versión acústica dunha canción que compuxemos hai uns anos o meu amigo Víctor e eu, que temos un grupo que se chama Astra. É unha canción contra a violencia de xénero, para min a máis importante do noso disco Andrómeda, que naceu do anoxo e a impotencia de que estas cousas sigan sucedendo en pleno século XXI. En canto á elaboración do vídeo, fun eu mesma a que gravei tanto a parte de audio como a de vídeo para a súa posterior montaxe e publicación.

Que crees que nos falta por facer á sociedade en xeral en materia de igualdade? Que iniciativas propoñerías a nivel local para mellorar neste campo?

Moitas cousas, máis das que eu podería enumerar aquí. Quizais una das máis importantes recae sobre a educación impartida nos máis pequenos, algo no que se debería investir máis en todos os sentidos. Se continuamos tendo unha sociedade patriarcal, a pesar de mellorar en moitos ámbitos, talvez temos que investigar máis seriamente onde se forman todas estas ideas e tentar arranxalas para que despois non deriven nas barbaridades que ven diariamente nunha sociedade enferma como a que temos, polo menos nesta materia.
A nivel local toda iniciativa que teña que ver coa divulgación e educación en temas de igualdade penso que é moi importante, así como o apoio (económico, divulgativo, etc.) a colectivos, asociacións ou comunidades que tamén traballan diariamente no tema.

Utilizas habitualmente TikTok? Crees que pode ser útil para concienciar e facer chegar mensaxes por exemplo os realizados neste certame, sobre igualdade?

Si, e ademais encántame descubrir contido diferente cada día; hai xente moi talentosa por todo o mundo compartindo o que fai, e o feito de poder velo, compartilo e gozalo é marabilloso. En canto á utilidade desta e outras redes sociais para transmitir este tipo de mensaxes, paréceme fundamental que estas se convertan nunha canle difusor precisamente polo alcance que teñen. Hai que dar voz aos temas importantes en todos os lugares e ámbitos posibles e TikTok ten, sen dúbida, moitas funcións que ofrecer das que poder aproveitarse para facelo.

A túa peza representará agora ao municipio no certame nacional, como levas esa “responsabilidade”?

Pois máis que responsabilidade supoño que sinto alegría e agradecemento. Eu sempre defendo á arte como canle transmisor de mensaxes importantes e reivindicativas, e o feito de que unha canción que naceu nun estudo caseiro teña tantas oportunidades de ser escoitada e de poder facer reflexionar a alguén sobre o tema xa é moito máis de que o que unha artista podería desexar.

Que farás se consegues algún dos premios a nivel nacional?

A verdade é que non é algo que pensase ata chegar a esta pregunta, pero supoño que seguir formándome como música e seguir consumindo cultura, sobre todo desa que che fai volver a casa dándolle á cabeza.