Skip to main content
As Pontes

“O traballo do apicultor, ter unha boa raza e adicarlle tempo é fundamental”

Por 17 Abril, 2022Abril 18th, 2022Sin comentarios

Manuel Ferreira é presidente da Asociación Casa do Mel de Goente.

A Casa do Mel de Goente anunciou a súa intención de creación dunha coperativa apícola co obxectivo de separar a comercialización e seguir profesionalizando o sector. Manuel Ferreira explica os seus inicios.

Como xurde a idea de facer a cooperativa?

Nun principio a asociación, para autofinanciarse e para saír do excedente do mel que tiñan os socios empezou a comercializar o mel baixo a marca Casa do Mel. Ao principio estaba ben, mentres había poucos ingresos, axudaba a manter uns postos de traballo, saíamos do excedente, promocionábamos o mel da comarca. Pero esto foi aumentando, hoxe en día somos 380 socios e parte deles, uns 15 ou 20, son apicultores a título profesional, xente con 200 ou máis colmeas. Xurde aí a necesidade de expandirse porque dímonos conta de que si vén un ano con moito mel non damos comercializado todo a nivel local. Por outra banda, a actividade económica prexudica á asociación porque esta é sen ánimo de lucro, hai que pagar uns impostos que se fora a figura dunha cooperativa non se faría. A miña proposta foi facer unha separación da actividade. Que quede a asociación por un lado e montar polo unha cooperativa para os profesionais. Houbo varias reunións sobre esto e tivo unha aceptación estupenda, reunimos 60 persoas que se mostraron con ganas de participar.

En que paso están agora?

Pediuse a colaboración de Agaca para elaborar os estatutos e facer un plan de viabilidade e neso estamos agora, na elaboración dos estatutos e no máis difícil, a financiación. Estamos esperando polas axudas de transición ecolóxica. Se saen a ver si podemos botar man delas, para non ter que poñer tanto capital porque hoxe facerse cun local, porque o que temos actualmente non é suficiente para a envergadura do que se quere montar, é costoso. Tamén solicitaremos axudas a través de Leader. Tan pronto como sepamos a financiación que temos estleceranse as cotas para entrar e ver finalmente os que somos.

Canta xente pasaría a formar parte da nova cooperativa?

Nesas reunións, nun principio, entre 60 e 70 persoas dixeron que si, pero contamos tamén con xente que pode tomar esto como semiprofesional ou pode entrar máis xente afeccionada, esperamos que así sexa. Partimos da base de que moitas persoas están empezando coa apicultura, fixeron unha inversión e moita cota non vai poñer e por iso buscamos alternativas que facilitar a integración do maior número posible de apicultores. A verdade é que o sector agroalimentario debería mirar para botar unha man a este sector pero ao final trátanos como unha empresa máis.

Esta cooperativa servirá un pouco para formalizar a produción para aqueles que o están facendo máis como unha afección, non?

Sabemos que algúns darán o paso adiante e outros non pero hoxe en día, os socios da Casa do Mel, o que non está en produción primaria entrega a produción na Casa do Mel. Nós comercializamos a mel de todo os socios e todos eles teñen a situación en condicións.

“Buscamos unha parcela para facer unha nave e tocaremos todas as portas para tramitar as axudas e arrancar coa mínima hipoteca”

O obxetivo da nova cooperativa e xestionar este crecemento?

Para xestionar o crecemento e porque nos dimos conta de que a curto prazo vai haber un problema. Aumenta moito a produción, as colmeas que teñén os socios son moitas e como veñan un par de anos cunha produción importante non se vai dar comercializado a nivel local. A cooperativa sae precisamente para adiantarnos a esta situación, ademais se temos unha cooperativa, se xuntamos varios bidóns de mel entre todos podemos incluso negociar un prezo de venda máis competitivo e facer os envíos en conxunto para abaratar gastos. Tamén a cooperativa quere dar un valor engadido. Hai moitas cousas que non podemos facer por falta de espazo, como a mel con pole, con propolo, comercializar o material apícola, ou ter un local grande, poder traer material para os socios a un prezo máis barato, incluso botar man da alimentación en certas épocas do ano ou mesmo facer o noso propio alimento. Hai varios proxectos que se van incluír aí e que van pechar o ciclo como o reciclado da cera, que xa se está a facer en menor medida, pero queremos levalo a ter unha marca e un control de calidade da cera dos socios. Agora estamos a laminar e reciclar cera pero daquel que ten e lle sobra, pero podemos facer algo conxunto, facer láminas de cera propias e evitar comprar as industriais. Hai un montón de cousas que se poden facer e que están pendentes porque eso ten que facelo a coeperativa. Vai ser un complemento á casa do mel, porque esta dedicarase aos trámites de subvención, formación e eses temas e a comercialización estará ao cargo da cooperativa.

Cal é o seguinte paso?

Buscamos unha parcela para facer unha nave e tocaremos todas as portas para tramitar as axudas e arrancar coa mínima hipoteca. É unha pena que a xente non se volque con estes proxectos, porque ao final xeran moitos postos de traballos, directos e indirectos, non é só os beneficios que produce o mel, senón todo o que é o conxunto da floración, a polonización e todas esas cousas.

Teñen unha estimación do tempo no que podería estar listo todo?

Nun ano esperamos poder empezar. Estamos pendentes das subvencións, algunhas hai que esperar por elas que son unha vez ao ano, o Leader vai empezar. Antes dun ano non vai ser, pero hai que ir organizándose. Hoxe pode constituirse a coopertiva pero queremos facelo xa en condicións, arrancar dando uns servizos e non empece mal.

Ata donde queredes expandir a comercialización?

A nivel local todo o que se poida, e depois cara a Europa. Nos países árabes tamén se está vendendo moito, tivemos algún ofrecemento para levala a Estados Unidos pero pedían unha cantidade que non tiñamos. Temos varios sitios onde podemos vender a un prezo mellor do que temos aquí. Outra cousa que queremos é sacar as distintas marcas, como exemplo a marca do Eume e outras zonas e promocionalas de cara ao turismo. Temos a marca Casa do Mel que xa é coñecida e como esta podemos promocionar máis e darlle valor así ao mel de distintas zonas. Cada zona é distinta dependendo da floración e o mel ten características especiais.

A Casa do Mel conta só con apicultores das Pontes?

A Casa do Mel ten convenio con San Sadurniño, co que temos un colmear didáctico, co das Pontes e co Concello de Muras onde imos abrir este ano outro colmear didáctico. Socios hainos de todas as provincias. Maioritariamente son socios da Coruña e tamén de Lugo pero tamén temos  de Pontevedra, bastantes, e 1 ou 2 de Ourense.

En que consisten estes colmeares didácticos?

Son colmeares onde se fan cursos para fomar xente da zona. Os concellos aportan unha cantidade de cartos para manter eso aí, mediante un convenio que firmaron coa Casa do Mel. O de San Sadurniño xa hai cinco ou seis anos que se fai e o de Muras vaise facer este ano. Está pendiente da firma. Están dirixidos á formación pero tamén á experimentación. Estamos facendo un programa de selección de abella local, coas liñas moi avanzadas e queremos este ano empezar coa inseminación artificial. O que pretende a asociación é ter un banco de raíñas de boa calidade e de zánganos e todos os socios poderán coller a un prezo asequible raíñas de boa calidade e ter unhas liñas puras. O traballo do apicultor é fundamental, ter unha boa raza e adicarlle tempo e estamos facendo esa selección. Contamos cun convenio con Endesa para facer estas probas que é na zona de restauración nas Pontes. Un lugar que conta cunha ruta de apiculturismo, unha aula da natureza. Esperamos recuparalo e sacalo para adiante.

Cal é o maior valor da cooperativa?

Temos unha asociación con xente moi nova, menor de 40 anos, hoxe temos unha asociación con moito relevo xeneracional, que está moi implicada porque o seu medio de vida é a apicultura, tamén temos outros que o fan como complemento, outros casos de xente que deixou as vacas polas colmeas e cada vez hai máis casos. Por eso, a un par de anos vista, o sistema de comercialización ten os días contados por eso esta necesidade de facer a cooperativa é tan importante.

“O que pretende a asociación é ter un banco de raíñas de boa calidade e de zánganos e todos os socios poderán coller a un prezo asequible raíñas de boa calidade e ter unhas liñas puras”