Skip to main content
As Pontes

Endesa anuncia o peche definitivo da central das Pontes para o 2027

Por 18 Abril, 2022Sin comentarios

Endesa, na súa aposta pola descarbonización total no ano 2040, ten previsto o peche de todas as plantas de carbón tres anos antes do esperado, en 2027. “Consciente do nexo histórico que temos con estas instalacións desde a orixe da propia compañía, elaboramos un plan de Transición Xusta que ten como obxectivo o impulso de distintas iniciativas para lograr un impacto positivo nas comunidades locais desde os puntos de vista social, ambiental e económico, o denominado Plan Futur-e”, explican dende a empresa.

Os Plans Futur-e deseñados por Endesa para as súas instalacións térmicas en proceso de peche, son proxectos que teñen como finalidade contribuír a mitigar o impacto que o peche de centrais poida ter sobre a poboación local a través de catro eixos: procura proactiva de emprego para o persoal directamente afectado; fomento da actividade económica na zona a través de novos proxectos renovables, o propio desmantelamento das centrais e concursos internacionais para o desenvolvemento de novas actividades industriais; formación e capacitación da poboación local para lograr a reciclaxe profesional das persoas directamente involucradas nestes procesos e abrir un futuro laboral á poboación local; e iniciativas de sustentabilidade do municipio para mitigar o impacto fiscal que os peches xeran nos municipios, fomentando a eficiencia enerxética destas localidades.

Actualmente hai tres instalacións de carbón de Endesa en proceso de desmantelamento. Trátase das centrais de Andorra (Teruel), Compostilla (León), e Carboeiras (Almería). Endesa tamén solicitou en 2019 o peche da central das Pontes (A Coruña), cuxa resolución se espera obter este ano, e está a tramitar o peche da central de Es Murterar (Alcudia) en Baleares.

O complexo de xeración das Pontes está en operación desde 1976, e é a maior central térmica española, con 1.400 MW instalados. Ao longo dos anos esta planta foi obxecto de tres grandes reformas, para adaptarse ás normativas vixentes en materia ambiental. A última das modernizacións requiriu un investimento de 270 millóns de euros nos sistemas de redución de emisións á atmosfera.

O 27 de decembro de 2019 Endesa solicitou de forma oficial ante o Ministerio de Transición Ecolóxica o peche da central, tramitación que aínda non culminou, polo que a instalación atópase dispoñible e a requirimento do xestor do sistema. Con todo, xa iniciou o proceso de transición, respectando o posto de traballo aos 174 empregados das Pontes, que están a ser recolocados. Tamén o persoal das empresas auxiliares terá preferencia nas oportunidades laborais que xerará o futuro desmantelamento da central, así como no desenvolvemento de novas instalacións renovables que Endesa proxecta na zona. Haberá unha ampla oferta de cursos de capacitación para facilitar o paso dunha a outra actividade.

O Plan Futur-e das Pontes inclúe elevados investimentos en enerxías renovables. Endesa proponse desenvolver ata 1.505 MW de capacidade eólica, con 1.581 millóns de euros e con 125 postos de traballo estable na súa operación e mantemento. Estes parques achegarán a enerxía limpa e a prezo competitivo que necesita o tecido empresarial galego para manter ou crear centenares de empregos.

Endesa tamén contempla en Galicia a procura de novas alternativas empresariais á térmica que se pecha, polo que, unha vez que o permita o avance da tramitación administrativa do final da instalación, a compañía lanzará outro concurso internacional de proxectos. Con todo, co ánimo de gañar tempo, Endesa xa está a realizar xestións a nivel global para buscar emprendedores que queiran aproveitar as capacidades industriais das Pontes.