Skip to main content
As Pontes

Adxudicadas as obras da nova pasarela sobre o río Eume

Por 20 Abril, 2022Abril 21st, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes adxudicou á empresa Maren Servicios e Ingeniería S.L as obras de construción dunha nova pasarela peonil sobre o río Eume, paralela á ponte de Isabel II, acorde coa contorna e adaptada ás medidas de accesibilidade vixentes.

O proxecto, cun orzamento de 168.441 euros con cargo á Deputación da Coruña, ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e mobilidade no casco urbano e garantir, deste xeito, unha mellor calidade de vida entre toda a veciñanza, minimizando, ao mesmo tempo o impacto visual.

Así procederase á substitución da actual pasarela por outra con xeometría triangular que permitirá minimizar o impacto visual da estrutura, sen entrar en conflito co patrimonio histórico da vila.

Sobre esta estrutura, formada por unha cercha tridimensional metálica de aceiro, instalarase unha plataforma peonil con acabado en tarima de madeira tecnolóxica que, a través de diversos planos, evitará a formación de pantallas verticais que dificulten a visión da contorna e creará unha zona de tránsito máis ampla, cómoda e segura, de dous metros de ancho, para os peóns.

A cercha contará con diversos reforzos estruturais metálicos e outros elementos modulares, coas mesmas características que a zona de tránsito, para evitar torsións e soportar as varandas da pasarela peonil.

Por outra banca, co obxectivo de potenciar unha imaxe de unidade e lograr a perfecta integración coa contorna, os elementos de aceiro pintaranse. Asemade a actuación tamén contempla a instalación de alumeado led en liña, baixo os pasamáns e o mobiliario urbano, e alumeado indirecto sobre a ponte de Isabel II.

Desde o Concello de As Pontes fan fincapé en que este proxecto permite avanzar na renovación integral da Avenida de Galicia e da Avenida de Lugo, apostando pola revalorización e modernización de dúas das arterias de circulación máis importantes do municipio, na procura dun impacto positivo sobre o conxunto da veciñanza.