Skip to main content
As Pontes

Abre a inscrición do taller do coidador organizado nas Pontes

Por 21 Abril, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes abre hoxe o prazo de inscrición no taller de interpretación teatral Abrindo o telón dos coidados, dirixido ás coidadoras informais do municipio.

A través desta proposta, organizada polo departamento de Benestar Social, o Concello das Pontes busca contribuír, mediante diferentes liñas de traballo, ao empoderamento, mellora psicolóxica, recuperación emocional e participación das mulleres pontesas coidadoras informais de persoas dependentes para, deste xeito, conseguir reforzar a súa identidade, seguridade en si mesmas, a súa autoestima e, en definitiva, mellorar a calidade de vida das mulleres participantes neste taller.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social e Igualdade, recalca que “a través do programa Abrindo o telón dos coidados queremos, mediante a interpetación e a educación teatral, potenciar a creatividade e habilidades persoais das mulleres coidadoras da vila, desenvolvendo a súa imaxinación, estimulando a espontaneidade, aumentando a percepción, sensibilidade e seguridade nelas mesmas, fomentanto a eliminación de complexos e inhibicións para, deste xeito, reforzar a súa autonomía, autoestima e personalidade”.

O programa, dirixido a mulleres que desenvolveron, desenvolven ou están en situación de desenvolver coidados no ámbito familiar, comprende 9 sesións de traballo, de dúas horas de duración cada unha, que inclúen asesoramento personalizado e o desenvolvemento diversas actividades lúdicas que formarán a táboa básica que preparará ás usuarias para unha representación teatral.

Serán diferentes talleres nos que se abordarán aspectos como as dinámicas de percepción (voz, concentración e atención, retención e memoria), a teoría sobre o proceso teatral e os seus beneficios sobre as persoas coidadoras, xogos motrices e de representación, expresión corporal e mímica, actividades de improvisación así como dinámicas para entender a interpretación como unha arte de transmitir un texto con naturalidade e emoción.

“A través desta preparación para a creación dunha obra teatral, as mulleres coidadoras comprenderán e interiorizarán outro punto de vista sobre a súa propia vida xa que, desde a escenificación aprenderán a relativizar, ironizar, comprender de xeito máis liviá e ata ridiculizar os capítulos dramáticos da vida para aliviar a cargar emocional, os prexuizos, os pensamentos negativos diarios e aumentar o sentido do humor, aplicándoo a todos os ámbitos da vida cotiá” subliña Tania Pardo.

Todas as actividades se levará cabo na aula polivalente da Casa Dopeso, desde o 29 de abril ata o 23 de xuño, os venres, de 10:00 a 12:00 horas. Todas as persoas interesadas en participar nesta actividade poden inscribirse desde mañá e ata o 28 de abril, no departamento de Benestar Social do Concello das Pontes.