Skip to main content
Vilalba

O BNG en Vilalba continúa a recoller sinaturas pola atención primaria

Por 3 Abril, 2022Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba continúa a recoller sinaturas pola atención primaria dentro da súa campaña Defendamos a nosa sanidade pública. Non aos recortes na atención primaria.

A organización frontista segue coa campaña pola recuperación dos servizos sanitarios do centro de saúde e PAC de Vilalba, no que defende a dotación total das prazas de persoal facultativo, a restitución urxente do servizo de pediatría e, por último, garantir os recursos materiais suficientes para o pleno funcionamento.

A responsábel local do BNG en Vilalba, Mónica García, declarou “continuamos con esta campaña para que a veciñanza conte cuns servizos sanitarios dignos; é básico contar cunha persoa especialista en pediatría como que teñamos o persoal sanitario que nos corresponde”.

Por isto, Mónica García sinalou que o BNG en Vilalba continuará coa recollida de sinaturas “seguiremos coa recollida de sinaturas para defender algo tan elemental como é a nosa saúde, por isto, esixiremos xunto coa veciñanza de Vilalba á Consellería de Sanidade que reconduza esta situación”.

A responsábel local puntualizou que esta situación afecta a parte da comarca “isto non só afecta a Vilalba, senón tamén a parte da Terra Chá, xa que o PAC ofrece servizo a Muras, Cospeito, Xermade e Abadín”.