Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba solicita información sobre o plan de mobilidade

Por 10 Abril, 2022Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Vilalba solicitou formalmente a través do rexistro do Concello copia de toda a documentación relacionada co plan de mobilidade; xa que “no último pleno rexeitaron aprobar a iniciativa coa que o Grupo Municipal Popular solicitaba coñecer o contido do plan”.

Con esta nova iniciativa, os populares agardan que “o goberno socialista demostre a transparencia que pregoaban ao inicio do mandato” e facilite a información con respecto a este plan “no que amparan as súas decisións unilaterais en materia de mobilidade. Ata o momento ninguén coñece o contido dese plan. E, tendo en conta que se trata dun documento no que se debe basear algo tan importante coma a organización do tráfico de todo o concello, deberían coñecelo os veciños e tamén os grupos que os representan na corporación municipal. É máis, un plan deste tipo require ser sometido a exposición pública”, inciden.

A popular condena a “altanería e, incluso, as faltas de respecto do equipo de goberno aos concelleiros da oposición durante o debate plenario. Séntense cómodos facendo oposición á oposición, pero esquecen gobernar”. Para a popular “a súa actitude demostra que non teñen ningunha intención de ensinar o plan. Aseguran que hai documentación, pero dubidamos que exista ese plan. Non teñen os deberes feitos”, matiza.

Un goberno que despreza aos vilalbeses

“A falta de transparencia do goberno socialista” tamén a puideron constatar os populares no último pleno ao “ofrecer poucas aclaracións ás nosas preguntas. Puidemos saber que o aparcamento da rúa das Pedreiras -que o propio goberno inaugurou fai tempo- continúa pechado porque porque falta documentación sobre os titulares da parcela e tamén coñecemos que non teñen intención de dar alternativa para que os vehículos que acceden pola rúa Cotarón poidan xirar en condicións de seguridade”.

Entre as distintas cuestións que os populares consideran vitais e que tamén levaron ao último pleno ocupando case a metade dos asuntos da orde do día, atopábase tamén a proposta para elaborar un plan para levar a cabo o bacheo das pistas das parroquias de cara á época estival, a solicitude de arranxo da Ponte da Ribeira ou axilizar o segundo pago do plan de axudas de rescate a autónomos como estaba previsto financiar co orzamento sobrante do primeiro plan; “pero agora a alcaldesa sinala que hai que esperar a aprobar outra incorporación de remanentes”.

Vázquez lamenta que “os socialistas non consideren acaecidos os temas que o Grupo Popular traslada ao pleno a pesar de tratarse das peticións que nos trasladan os propios veciños nas nosas xuntanzas co tecido asociativo. É dicir, este equipo de goberno non considera importante as necesidades dos vilalbeses. Despreza a súa opinión”.