Skip to main content
Vilalba

Comesaña presenta o novo Plan Local de Saúde do centro de saúde de Vilalba

Por 11 Abril, 2022Sin comentarios

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, na súa visita a Vilalba, para presentar o Plan local de saúde do servizo de atención primaria, que a Xunta potenciará a capacidade resolutiva da enfermería a través dos plans locais de saúde, que xa se aprobaron en 14 servizos de atención primaria de toda Galicia como experiencia piloto e que, neste ano, o Executivo galego os levará a outros 42. Tal e como remarcou o conselleiro, con estes plans “queremos conseguir unha análise das necesidades particulares de mellora de cada servizo de atención primaria na asistencia que presta e unha proposta en equipo para afrontalos”.

O servizo de atención primaria de Vilalba comprende centros de saúde de cinco concellos: Vilalba, Xermade, Abadín, Muras e Cospeito, polo tanto, -subliñou o conselleiro-, o plan esixe artellar medidas que se poidan aplicar en todo o territorio que abrangue este servizo. Así, o plan detectou que hai unha prevalenza importante de patoloxías relacionadas coa diabetes ou a hipertensión e unha porcentaxe considerable de pacientes cunha complexidade alta ou media, en consecuencia, Sanidade desenvolverá o modelo Ariadna para atención personalizada de enfermería aos pacientes crónicos con alta complexidade destes concellos.

Ademais, o plan de saúde do servizo de atención primaria de Vilalba se compromete a desenvolver novos procesos asistenciais finalistas por parte do persoal de enfermería; é dicir, -proseguiu o conselleiro-, “que sexa este persoal o que resolva de xeito independente nos centros de saúde, sen necesidade de pasar polo médico, distintos problemas de saúde para os que se defina un protocolo de actuación detallado e concreto”.

Tal e como recordou García Comesaña, este centro de saúde de Vilalba xa adoptou o modelo de axendas de calidade para o persoal médico, que permite establecer uns criterios mínimos unificados para unha mellor xestión do tempo, dando flexibilidade aos centros para organizarse. Este modelo está estenderse ao resto de categorías, estando xa implantadas as axendas de enfermería.

Tamén vaise implantar neste centro de xeito inmediato, -dixo o titular da carteira sanitaria do Executivo galego-, o Sistema de Xestión Integrada da Demanda (XIDE), que permite que todos os profesionais de primaria participen de forma interdisciplinar para dar unha resposta coordinada a un motivo de consulta da demanda non programada.

En consecuencia, -sinalou o conselleiro-, “o servizo de atención primaria de Vilalba está a ser pioneiro no desenvolvemento da maior transformación organizativa que ten experimentado a atención primaria en Galicia dende o traspaso das competencias sanitarias”.

Como exemplo desta transformación remarcou que, dende este mes, o Sergas acaba de aprobar unha instrución mediante a que, a partir de maio, o persoal sanitario de primaria terá acceso á solicitude da totalidade de probas básicas de laboratorio e de imaxe que estean dispoñibles na correspondente área sanitaria.

Incremento de persoal e modernización de infraestruturas

No apartado de persoal, o conselleiro sinalou que a Xunta vén de aprobar unha oferta pública para cubrir 106 prazas vacantes en medicina de primaria a través dun concurso de méritos, medida inédita que Galicia é a primeira comunidade en realizala. Desas 106 prazas, García Comesaña anunciou que a Xunta ofertará tres neste servizo de atención primaria, o que posibilitará a incorporación de tres facultativos con praza en propiedade.

Recordou, así mesmo, que o pasado ano creáronse e cubríronse no centro de saúde de Vilalba dúas novas prazas, unha de enfermaría no PAC e unha de fisioterapia, que forman parte do total de 331 novas prazas que se crearon en toda Galicia. En toda a provincia de Lugo as prazas creadas nos centros de primaria foron 32.

No apartado de infraestruturas, o conselleiro destacou que os investimentos da Xunta para este ano contan con preto de 35 millóns para investimentos no primeiro nivel asistencial. Ademais, o Plan de Atención Primaria 2019-2021 posibilitou realizar un investimento de máis de oito millóns para incorporar equipamento aos centros de saúde galegos. En concreto, o centro de Vilalba recibiu dous electrocardiógrafos, dous desfibriladores e un hólter de presión arterial. En Xermade e Muras, un desfibrilador e un electrocardiógrafo para cada un deles, e en Cospeito, ademais destes equipos, un holter de presión arterial e en Abadín, a maiores, un espirómetro.

Ademais, o centro de saúde de Vilalba beneficiouse do investimento en obras menores por importe de 370.000 euros que a Xunta de Galicia realizou en 2021 nun total de 13 centros de saúde da provincia de Lugo. En concreto, unha das actuacións foi a obra de 26.000 euros efectuada neste centro de saúde para reparación de terrazas, cubertas e revestimentos interiores.

No acto de hoxe estiveron presentes, así mesmo, o alcalde de Cospeito, Armando Castosa; e de Abadín, José María López Rancaño, así como o xerente da área sanitaria, Ramón Ares, e o xefe de servizo do centro, Isidro Álvarez, quen detallou a utilidade que o plan local de saúde vai ter para a mellora da asistencia sanitaria deste concello.