Skip to main content
Vilalba

Vilalba premia as mellores tapas con Queixo San Simón da Costa

Por 13 Abril, 2022Sin comentarios

Vilalba acolleu o acto de entrega dos premios do Concurso de Tapas con Queixo San Simón da Costa, no que participaban un total de 22 establecementos. 

A tenente de alcaldesa e concelleira de Comercio, Marta Rouco, e Manuel Silvosa, da Asociación de Empresarios Sete Pontes, fixeron entrega dos premios aos establecementos gañadores, así como aos consumidores que gañaron o sorteo tras completar a “Ruta do tapeo”.  

O certame, impulsado pola Asociación de Empresarios do Polígono Sete Pontes coa colaboración do Concello de Vilalba, propoñía crear unha tapa na que o Queixo San Simón da Costa fose o ingrediente principal. 

O concurso tivo en conta, en primeiro lugar, o reconto de votos do público. Deste modo, a cidadanía, que probou as diferentes tapas dos locais, determinou como mellor tapa creativa á proposta do Hostal O Cristo. O premio do público á mellor tapa tradicional recibiuno a Casa Maragata. 

Os oito establecementos que recibiron unha maior puntuación por parte da cidadanía, liderados por estes dous restaurantes, pasaron á fase final do concurso. Nesta etapa, un xurado profesional decidiu as mellores propostas deste ano, premiando como mellor tapa creativa á proposta de O Parador e como mellor tapa tradicional á preparación de As Xaquinas. 

O xurado estaba formado por dous profesionais da cociña pertencentes á Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Jesús Pereiro e Martín Mantilla. Acompañounos no xurado Cristina Román, como representante da Asociación de Queixeiros, da queixería Don Gabino. 

Por último, o público tamén podía participar no sorteo de varios agasallos se degustaban as propostas de 5 dos establecementos participantes. Deste modo, os gañadores deste sorteo foron Paz Domínguez Bodelón, Marcos Pardeiro Prieto e Aldara Villarino Villarino, quen recibiron un lote de produtos locais.