Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta reúnese coa veciñanza de San Simón este xoves

Por 27 Abril, 2022Sin comentarios

Vilalba Aberta prosigue este xoves súa iniciativa Rede de Parroquias. Retomada o mes pasado en Belesar logo de ser aprazada polo impacto da sexta onda da Covid, trátase dunha serie de encontros “parroquia a parroquia” deseñados pola formación co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza do rural e incorporalas, logo, á axenda política da corporación.

Así, e despois das sete primeiras de Santaballa e Nete, Ladra, Oleiros, Carballido e Corbelle e Belesar a formación municipalista visitará San Simón co fin de celebrar a que será a oitava parada da concorrida xeira.

“Dende Vilalba Aberta queremos dar resposta ao que tantos veciños das parroquias nos dixeron semanas antes da celebración das Eleccións Municipais: As reunións nas parroquias, durante os catro anos e non só en campaña electoral”, explicou a súa responsable de organización, Mónica González.

Á xuntanza, fixada para este xoves día 28 ás 20:30h na antiga escola da Pedragosa, seguiralle previsiblemente, outra proposta xa, a celebrar o vindeiro mes na parroquia de Lanzós.

Así mesmo, dende Vilalba Aberta non quixeron deixar pasar a oportunidade para  trasladar o seu “profundo agradecemento ás directivas das asociacións de veciños da parroquia” por permitir facer posible este novo encontro.