Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Os socialistas afean á Xunta por esquecer durante 12 anos a oficialización do Camiño do Mar

Por 19 Maio, 2022Sin comentarios

A deputada socialista Patricia Otero acusou ao goberno galego de esquecer e minusvalorar á comarca da Mariña ao non ter feito nada nos últimos 12 anos para darlle carácter oficial ao Camiño do Mar. A parlamentaria do PSdeG lembrou que esta solicitude foi aprobada por unanimidade ata en dúas ocasión na Cámara autonómica, así como na Deputación de Lugo ou nos municipios polos que transcorre o seu trazado. 

Con todo, 12 anos despois do primeiro acordo, non se fixo “nada de nada” para outorgarlle a esa ruta xacobea un recoñecemento ao que ten “un innegable dereito histórico e cultural”. Ao tempo, lembrou que esta oficialización achegaría un pulo fundamental á hora de promover a actividade turística e a dinamización económica na comarca da Mariña. 

“Vontade política, cero”, lamentou Patricia Otero antes de reiterar que “a Xunta non fai nada por apoiar o turismo na Mariña” e que, en realidade, “ao que nos ten acostumados é a boicotear o traballo que fan outras administracións”.

Como mostra disto, Otero lembrou “o engano e o ninguneo” á veciñanza da zona ao dicir que se ía traballar para levar Altri á comarca. Tamén recordou que, en 2020, o goberno galego situou en último lugar o Plan turístico da Mariña. “A Xunta puxo todos os paus nas rodas”, sinalou, “pero grazas ao bo traballo da Mancomunidade de municipios e a colaboración do goberno do Estado conseguiuse no 2021 que saíse adiante cun investimento de preto 3 millóns de euros”. 

Este compromiso “forte e decidido” do goberno central coa Mariña, subliñou, permitirá desestacionalizar o turismo nunha comarca “cun potencial de crecemento enorme e con recursos naturais e patrimoniais moi importantes que cómpre poñer en valor entre todos e todas”.

Patricia Otero preguntou por esta cuestión na Comisión de Turismo celebrada esta tarde no Parlamento de Galicia. Na súa intervención lembrou que xa en 2010 se aprobou por unanimidade unha iniciativa do Grupo Parlamentario Popular, na que xa se lle reclamaba ao goberno da Xunta de Galicia oficializar o Camiño do Mar como ruta xacobea. Esa mesma unanimidade repetiuse nunha proposición defendida polo PSdeG en abril do ano pasado, así como en iniciativas semellantes na Deputación lucense ou nos municipios polos que pasa a ruta. 

“Doce anos despois, dous mandatos despois e varios acordos unánimes despois, a Xunta non tivo tempo de facer o que se lle encomendaba dende este Parlamento e dende outras administracións, incluso polos deputados e deputadas do PP”, remarcou a deputada socialista. “Si tiveron tempo”, ironizou, “para nomear embaixador de honra do Camiño de Santiago a Carlos Herrera; será porque non cumpriu a súa promesa de abandonar o país se ao final Pedro Sánchez era presidente”.

Patricia Otero lembrou que impulsar o Camiño do Mar é fundamental para promover a actividade turística. “Chama a atención”, engadiu, “que esta ruta quede excluída cando o seu trazado, entre

Ribadeo e Neda, o convertía no punto de unión entre outros dous camiños xa recoñecidos: o do Norte e o Inglés”. 

Ademais, lembrou que do seu percorrido entre Ribadeo e Cedeira consérvanse case que a totalidade de establecementos hospitalarios de atención aos viaxeiros, como os hospitais de Ribadeo, San Martiño, Cervo, Celeiro, ou Santiago de Viveiro. “Enterramentos e documentos episcopais”, incidiu, “deixan tamén testemuña histórica da pegada dos peregrinos na Mariña”.